O PSdeG acusa á Xunta de copiar a política fiscal de Ayuso

Patricia Iglesias.

A deputada do PSdeG Patricia Iglesias culpou dos recortes na sanidade galega á política fiscal do Partido Popular de rebaixar os impostos ás rendas máis altas.

 

A voceira socialista nas áreas de Economía e Facenda Patricia Iglesias denunciou a “irresponsabilidade” do Goberno galego en materia de facenda, “imitando cada vez máis o dumping fiscal” da presidenta de Madrid “á costa da calidade dos servizos públicos”.

Iglesias sinalou que mentres a Xunta da Galiza “baixa e elimina impostos para favorecer ás rendas e patrimonios máis altos”, a cidadanía “ten que ver como este verán se fechan centros de saúde e máis de 800 camas nos hospitais”.

A deputada do PSdeG denunciou que Galiza está “á cola” das comunidades en termos de Estado de benestar, coas “peores ratios en servizos públicos esenciais” como a “atención á pobreza, a axuda no fogar, as prazas en residencias ou a acollida a vítimas de violencia machista”.

A responsábel socialista asegurou que Axencia Tributaria da Galiza cifra en 258 millóns de euros as perdas en 2023 debidas á política fiscal da Xunta “feita a medida para as rendas altas”. Nesta dirección, alertou dunha caída dos ingresos de 2.400 millóns de euros para o período 2009-2021 “polo ilusionismo fiscal” do PP.

Financiamento local

As achegas económicas do Goberno galego aos concellos foi outro obxecto de crítica da deputada socialista. Neste punto, denunciou que a Xunta da Galiza “non paga o mantemento e investimentos nos centros de saúde, nas escolas infantís e nos colexios e institutos”.

Falta de empatía e falta de lealdade institucional” e  unha “auténtica participación” dos municipios nos ingresos da Galiza”, asegurou Iglesias, quen indicou que“ é hora de enfrontar o reto da financiación xusta, equitativa e eficiente da administración”.

Iglesias incidiu que “a economía medra menos na Galiza que no resto de España, pérdense empresas e o emprego crece menos. Galiza vive do impulso do conxunto do Estado, o que evidencia que non existe pulo político propio”.