O PSdeG insiste na "incompatibilidade" de que Feixoo presida a Xunta e o PP ao mesmo tempo
O portavoz parlamentario do Partido Socialista (PSdeG), Luis Álvarez, volveu insistir na "absoluta incompatibilidade" de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo
, compatibilice o cargo á fronte do Goberno galego coa presidencia estatal do Partido Popular (PP).
Álvarez instou Feixoo a dimitir "canto antes" xa que "a Galiza deixou de ser unha prioridade" o dirixente popular, do que di que agora está centrado na "estratexia política do Partido Popular".
"Preocúpanos cal vai ser a resposta que vai dar Feixoo cando a Galiza compita con Andalucía por encargos para os estaleiros de Navantia ou cando como presidente da Xunta e do PP teña que defender distintos criterios para o financiamento das autonomías cando existen posturas enfrontadas entre as zonas de dispersión e aquelas cunha poboación máis elevada", sinalou o portavoz parlamentario.
Asemade, considera que a situación actual do presidente da Xunta mantén na "parálise absoluta innegábel", xa que os conselleiros do Goberno galego "descoñecen se van a continuar coas súas responsabilidades".
Pactos con Vox
Luis Álvarez tamén se preguntou cal será a postura do actual presidente do Executivo galego "cando teña que amparar, como presidente do PP, determinados pactos con forzas que nega a existencia da violencia machista".
Despois de que Feixoo anunciase que decidirá aínda en maio cando abandonará a presidencia da Xunta, o portavoz parlamentario asegurou que "canto antes se leve a cabo ese cambio será mellor para todos".
"Canto antes saiamos desta situación de provisionalidade mellor será para todos, porque a Galiza ten moitos problemas e debemos salir destes canto antes", concluíu.