O PSdeG sobre as mudanzas nas área sanitarias: "Cando algo se cambia é porque non funciona"
O secretario de Sanidade do PSdeG, Jose Miñóns, referiuse este sábado ás substitucións dos xerentes das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol para sinalar que van "dúas semanas de cesamentos continuos" na Consellaría de Sanidade que revelan que "a sanidade galega é un caos".
"Cando algo se cambia é porque non funciona, iso é evidente", asegurou Miñóns. "Son moitos os síntomas que mostran a gravidade na que se atopa a nosa sanidade", expuxo o socialista.
Consello de Contas
Así, alertou de que "estes 13 anos do PP están a arrasar a sanidade pública". Remarcou que o Consello de Contas apuntou a "listas de espera maquilladas, a contabilidade opaca e a contratación irregular".
Aínda que dixo "aplaudir, desde logo, estes cambios de caras", José Miñóns pediu que haxa "un cambio de sistema, un proxecto que aposte pola sanidade pública e un Goberno que crea nela, dotándoa de orzamentos reais e máis recursos".
Miñóns avisou de que o "demoledor" informe de Contas supón unha "emenda á totalidade" da política sanitaria de Alfonso Rueda e da Xunta da Galiza. Considerou ademais que este informe supón que Sanidade "debe ir moito máis alá de cambios de nomes e de postos".