O PSdeG pide á Xunta da Galiza "máis apoio" para o Pantín Classic

Unha surfista participando no Pantín Classic de 2024. (Foto: Classic Surf Pro)

Paloma Castro instou o Executivo galego a “sumarse” ao proxecto de creación dun centro de alto rendemento.

O PSdeG reclamou á Xunta da Galiza unha "maior implicación" co surf, polo que pediron "máis apoio" á competición do Pantín Classic Pro —que decorre desde o 24 de agosto até o 1 de setembro na praia de Pantín, en Valdoviño (Ferrolterra)— así como que "se sume" ao proxecto do centro de alto rendemento de surf.

O Pantín Classic é unha competición de surf que decorre todos os anos desde 1989 na praia de Pantín, en Valdoviño, onde se concentran os mellores e as mellores surfistas do mundo. Na actualidade, é a proba de surf máis antiga do Estado español e a cuarta máis antiga do mundo despois da World Surf League (WSL) de Bells Beach, en Australia, Virginia Beach, nos EUA e Lacanau, en Francia.

Así, a deputada do PSdeG no Parlamento galego Paloma Castro explicou que Valdoviño acolle campionatos internacionais desde 1988, cun Pantín Classic consolidado actualmente como "referente a nivel mundial" e como sede do campionato estatal desde hai sete anos.

"Éxitos que son resultado de moito traballo da veciñanza e especialmente da xente do surf, pero sen contar cun verdadeiro apoio institucional por parte da Xunta ou, cando menos, á altura do que a competición merece", detallou a deputada do PSdeG.

Neste sentido, explicou que a Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes "permanece á marxe do evento" e a "única achega" da Administración galega provén da Axencia Galega de Turismo en forma de asignación para fins publicitarios.

A importancia do evento representa "un potente reclamo" que atrae moitas afeccionadas e  afeccionados a Valdoviño e a toda a comarca de Ferrolterra. Por iso, remarcou o PSdeG, a Xunta "debería sumarse" ao proxecto iniciado polo Concello e a Federación Galega de Surf, e "iniciar os trámites para a creación dun centro de alto rendemento".