O PSdeG quere da Xunta da Galiza unha "ordenación adecuada" da eólica

Patricia Igrexas, á dereita, no Parlamento galego (Foto: Nós Diario).

A deputada socialista Patricia Igrexas rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento galego.

O Grupo Parlamentario Socialista exíxelle á Xunta da Galiza que realice unha "ordenación adecuada" para o desenvolvemento dos proxectos de enerxía eólica que lle deben permitir á Galiza “ser líder na transición enerxética”.

Asegurouno esta fin de semana a portavoz de Industria e Enerxía do PSdeG, Patricia Igrexas, que destacou que o país está nun "momento decisivo", tanto polo contexto internacional no que se refire ao modelo enerxético como pola chegada de fondos europeos Next Generation.

A deputada socialista, que rexistrou unha proposición non de lei sobre este asunto, remarcou que a Galiza se atopa ante unha das "maiores oportunidades económicas da súa historia", xa que dispón dos recursos, do coñecemento e da tecnoloxía para "ser líder" no proceso de descarbonización da economía, en "conexión directa" co desenvolvemento industrial.

Aposta polas renovábeis

Por iso, demandou da Xunta "facer xa unha aposta firme polas renovábeis". Neste sentido indicou que fontes como a eólica, en combinación co hidróxeno verde "teñen que ser unha prioridade absoluta" nas políticas enerxéticas e industriais do Executivo galego.

Para Igrexas, a Xunta "en lugar de perderse en batallas xudiciais, debe habilitar" as canles normativas adecuadas para "crear seguridade xurídica" e "non comprometer" os proxectos e os investimentos necesarios para poñelos en marcha.

Por este motivo, a deputada asegura que "o PSdeG vai actuar con responsabilidade. Reiteramos o ofrecemento dun pacto de enerxía e industria para que a Galiza xogue un papel líder nunha nova economía baseada nas enerxías limpas".