O PSdeG quere pechar feridas internas nas primarias

Pachi Vázquez

Até dez procesos de elección de candidatos para as municipais ou de liderado na provincia da Coruña afrontan este domingo @s socialistas, con problemas tamén para atopar un discurso propio.

 
 
 
 
 
 

 

A militancia do PSOE galego está chamada ás urnas, non ao completo pero si por moitas localidades do país, onde hoxe terán lugar eleccións primarias para decidir varios candidat@s ás eleccións municipais por parte dunha formación que mira preocupada para ese maio de 2015, que soñan con que supoña o comezo da súa recuperación nun eido como o local, que sempre defenderon como o propio, pero que as enquisas sinalan como pouco propicio para un PSOE que segue en crise e sen atopar un discurso propio e, sobre todo, crible. 

Pachi Vázquez aspira á ser cabeza de lista en Ourense, o que molestaría a Besteiro

Só Vigo, con Abel Caballero, parece unha praza onde o PSdeG pode obter un éxito importante. Noutras cidades as dúbidas son moitas, mesmo cando xa hai cabeza de cartel, como é o caso de Lugo, onde repetirá o alcalde López Orozco malia as súas imputacións no Caso Pokémon, que non supuxeron problema á hora de ser apoiado por José Ramón Gómez Besteiro, o secretario xeral do partido en Galiza, que tamén se xoga moito nestas primarias, especialmente en Ourense, onde o 'pachismo' quere facerse forte. 

Mídese Pachi Vázquez -tamén con problemas xudiciais- ao concelleiro Vázquez Barquero, nun enfrontamento tenso como é tamén o de Compostela -onde houbo denuncias de posíbel manipulación de censo- entre Paco Reyes e Mercedes Rosón. Na Coruña, Mar Barcón parece favorita ante Ángel Garmendia ao igual que en Ferrol Beatriz Sestayo ante Ramón Veloso. 

Ademais, a militancia socialista -só ela participaba malia o moito que teñen falado de procesos abertos- tamén escollerá o secretario xeral na provincia da Coruña, que terá que substituír ao ex-ministro Francisco Caamaño, que foi obrigado a deixar o cargo polas súas diferenzas coa dirección galega e amplos sectores da circunscrición. O alcalde de Culleredo, Julio Sacristán, e o de Oroso, Manuel Mirás, optan ao cargo.