O PSdeG reclama desbloquear a incompatibilidade do Ingreso Mínimo Vital coa Risga

Silvia Longueira durante unha intervención na Cámara galega. (Foto: PSdeG)

A deputada do PSdeG Silvia Longueira vén de rexistrar unha iniciativa para reclamar a compatibilidade do Ingreso Mínimo Vital (IMV) con outras rendas de inserción social.

A actual redacción da Lei de inclusión social da Galiza impide aos perceptores Renda de Inclusión Social da Galiza (Risga) acceder ao Ingreso Mínimo Vital (IMV), aprobado en 2020 como resposta ás urxencias xeradas pola pandemia.

A parlamentaria socialista Silvia Longueira acaba de presentar unha proposta na Cámara galega para reformar a normativa e permitir compatibilizar o Ingreso Mínimo Vital e a Risga.

Longueira sinala que “o Ingreso Mínimo Vital demostrou ser unha ferramenta crucial para máis de 72.000 persoas na Galiza” e denuncia que “a súa compatibilidade coas rendas mínimas de inclusión das comunidades autónomas segue sendo un problema, especialmente na Galiza”.

“É inaceptábel que, catro anos despois da introdución do Ingreso Mínimo Vital”, afirma Longueira “as familias galegas en situación de vulnerabilidade sigan enfrontando barreiras burocráticas que impiden o acceso a todas as prestacións ás que teñen dereito”.

Reforma legal

A deputada do PSdeG considera que “é urxente que a Xunta cumpra a súa promesa de reformar a Lei de inclusión social para que estas familias poidan beneficiarse plenamente do Ingreso Mínimo Vital e outras axudas”.

É imperativo que as familias vulnerábeis da Galiza non sigan esperando indefinidamente por unha solución que xa se aplicou con éxito noutras comunidades," salienta Longueira.

O PSdeG urxe ao Goberno galego a desenvolver un protocolo en coordinación cos servizos comunitarios para mellorar a eficiencia na tramitación do Ingreso Mínimo Vital e garantir que as persoas en risco de exclusión social reciban o apoio que necesitan sen demoras