O PSdeG secunda o PP e non acode á reunión convocada polo BNG sobre a AP9

Luís Villares e Ana Pontón

A fronte común proposta pola formación nacionalista arredor da transferencia da AP9 a Galiza, bloqueada por Rajoy, non será posíbel dada a incomparecencia de PP e PSdeG. Pontón pergúntase se non estamos na Galiza perante os primeiros pasos da “coligazón” que se “está a fraguar a nivel do Estado” entre conservadores e socialistas.

A reunión a catro ficou en reunión a dous. Faltaron Feijóo, como estaba previsto, e Leicega, a súa presenza ou non era a incógnita que finalmente se despexou. Si estiveron Ana Pontón, a líder da formación convocante, e Luís Villares, o portavoz do grupo parlamentar de En Marea. 

Pese á ausencia de Feijóo e Leiceaga, a portavoz nacional do BNG, en declaracións aos meios, dixo que a formación nacionalista continúa coa man tendida a todos os grupos e non dá por amortizada a hipótese da formación dunha “fronte común” en defensa da dignidade do Parlamento da Galiza.

O que está en causa é precisamente unha proposición de lei da Cámara galega, promovida polo BNG e aprobada por unanimidade, cuxa tramitación no Congreso está a ser vetada polo Goberno estatal. Madrid alega que a materialización da iniciativa levaría aparellado gastos non orzamentados. O BNG replica que si hai diñeiro, nada menos que 8.000 millóns de euros, para o resgate das auto-estradas radiais de Madrid.

E Feijóo que di? Pontón laméntase de que até o de agora o presidente da Xunta non dixese nada, tornado en “estatua de sal”. “Como é posíbel que Feijóo a estas alturas non teña respondido?”, perguntouse.

Pontón referiu que de se consumar definitivamente o veto no Congreso dos Deputados estaríamos perante unha situación que tornaría as galegas e os galegos en “cidadáns de segunda”. A portavoz do grupo parlamentar soberanista enfatizou que aínda hai tempo para forzar politicamente unha resolución positiva da Mesa do Congreso e, nese sentido, botou en falta a implicación de Feijóo: se o presidente da Xunta non responde positivamente a esta cuestión é porque ve nela “unha pataca quente que quere esconder”.

Deslizou tamén unha hipótese a líder do Bloque: talvez o trasfondo deste asunto sexa a intención de voltar a especular coa concesión da AP9 -que no seu día se saldou cunha enorme pelotada ao ser adquirida polo norteamericano Citi Group-. Se esa é a idea, a transferencia a Galiza podería ser un estorbo, argumentou.