O PSdeG ve "incoherente e lesiva" a "extinción" da Axencia Galega da Industria Forestal

A portavoz de Política Forestal do PSdeG, Carmen Dacosta (Foto: Nós Diario).
Carmen Dacosta presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Executivo galego que explique esta decisión, "en contra" dos compromisos adquiridos durante a campaña electoral polo PP.

A portavoz de Política Forestal do grupo socialista no Parlamento da Galiza, Carmen Dacosta, cualificou de "incoherente e lesiva" a "extinción" da Axencia Galega da Industria Forestal para "ser absorbida" pola Consellaría de Economía.

Dacosta presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Executivo galego que explique esta decisión, "en contra" dos compromisos adquiridos durante a campaña electoral polo Partido Popular.

Neste sentido, advertiu de que a decisión que tomou o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o pasado 22 de abril, supón "un gran paso atrás" na aposta polas políticas públicas ligadas ao monte e á industria da madeira.

A responsábel socialista lamentou que a disolución do ente vai "en contra" da liña de impulso do aproveitamento do monte que o presidente da Xunta "dixo en campaña electoral que ía reforzar".

Por iso, a deputada do PSdeG preguntou "onde queda o compromiso" asumido pola Administración da Galiza de que a "iniciativa pública sirva de exemplo da privada para estender novos usos do monte".

"Incomprensíbel"

Dacosta considerou "incomprensíbel" que o Goberno galego "opte por suprimir" ese organismo "no lugar de incrementar o seu orzamento", para "reforzar o seu papel" como instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal.