O PSOE culpa Núñez Feixoo do sobrecusto de 470 millóns do hospital Álvaro Cunqueiro e cuestiona a súa capacidade de xestión

Feixoo durante un xantar de campaña do PP en Sarria. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O PSOE cargou esta quinte feira contra o actualmente presidente do PP a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, polo sobrecusto de 470 millóns na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que se levou a cabo mentres Núñez Feixoo era presidente da Xunta da Galiza.

O PSOE cargou esta quinte feira contra o actualmente presidente do PP a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, polo sobrecusto de 470 millóns na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que se levou a cabo mentres Núñez Feixoo era presidente da Xunta da Galiza. Neste sentido, desde a formación socialista poñen en cuestión a súa capacidade de xestión.

Así o fixo o Partido Socialista despois de que o Consello de Contas da Galiza publicase esta cuarta feira o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do hospital, que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros.

O PSOE acusa Núñez Feixoo de "presumir" da súa folla de servizos e considera que este informe é "demoledor" e "implacábel" con el e "pon no foco a capacidade de xestión" do líder do PP. "Unha vez máis, a ansia por privatizar e por desmantelar o público supón un prexuízo económico para os cidadáns que pagan relixiosamente os seus impostos. Feixoo non estivo á altura, igual que outra gran privatizadora: Isabel Díaz Ayuso", afirmaron desde o PSOE.

En Ferraz sinalan que este hospital foi proxectado por un Goberno de esquerdas (en referencia ao Goberno bipartito de PSdeG e BNG na Xunta), mais a chegada de Núñez Feixoo á Xunta provocou a decisión "de privatizar o custo da súa construción co resultado de 470 millóns de euros máis regalados á UTE de empresas encargadas da obra".

Con todo, o informe sinala que a "opción máis vantaxosa" sería a licitación dun contrato de obras para a execución da infraestrutura, por unha parte, e a licitación de contratos de servizos, por outra. "En termos económicos, a alternativa da licitación da obra por unha parte e a licitación de contratos de servizos por outra, é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían alcanzar resultados similares a un menor custo", indica Contas.

Explicacións

Neste contexto, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tamén falou esta quinta feira do informe de Contas, solicitando á Xunta explicacións polos "tantos e tantos millóns de euros de sobrecusto". O rexedor lamentou que ese diñeiro "non foi dado a Vigo", senón a unha empresa, "a un fondo voitre francés neste momento".

"Téñeno que explicar. Feixoo e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, teñen que explicar a esta cidade e á Galiza enteira por que houbo un sobrecusto de 470 millóns de euros. Dilapidaron 470 millóns", criticou o alcalde de Vigo, cidade onde se atopa o hospital Álvaro Cunqueiro.