O PSOE decide líder entre dúbidas nunhas primarias que tamén examinan a Besteiro

Madina, Sánchez e Tapias aspiran a convertese no próximo secretario xeral da formación no Estado, co 'pachismo' ourensán medindo as súas forzas coa dirección do PSdeG.

Pedro Sánchez, Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias son os tres aspirantes a converterse este domingo no líder do PSOE para os próximos anos -aínda que o vencedor logo terá que ser confirmado en Congreso- nunhas primarias consultivas que marcarán o rumbo da formación na etapa que se abre, moi complicada para @s socialistas, mergullados nunha inmensa crise e reacios ou incapaces de liberarse da condición de partido sistémico para un modelo, o do 78, en descomposición e do que son alicerce histórico.

Os comicios preséntanse como unha disputa entre o aparato, que parece apoiar ao madrileño Pedro Sánchez -o que máis avais obtivo- e a alternativa, -con todo, de carácter morno en relación ás correntes rupturistas á alza- que representa o vasco Eduardo Madina. A terceira opción, con menos posibilidades malia que é moi probábel que obteña un resultado por riba das expectativas, está encarnada en Pérez Tapias, cun discurso máis claro de esquerdas.

Pedro Sánchez parece contar co apoio do poderoso aparato do partido, o que tamén semella incluír á actual dirección en Galiza

En Galiza, estas primarias -que copian o formato usado polo PSOE galego- tamén serven de exame para José Ramón Gómez Besteiro, líder do PSdeG, que mantivo neutralidade formal pero apoia a Sánchez, namentres que o 'pachismo' ourensán está aliado con Madina -a deputada Laura Seara é unha persoa con peso dentro da candidatura- polo que unha vitoria deste último suporía un tropezo para o presidente da Deputación de Lugo, alén de deixar moitas claves de futuro de cara á elección de candidat@s para as municipais.

Máis de 250 mesas están preparadas nas sedes do partido en Galiza, onde teñen dereito a voto 11.500 militantes entre as dez da mañá e as oito da tarde. No Estado, non chegan a 200.000 @s afiliad@s chamad@s ás urnas, o que serve de proba do mal momento do PSOE, que hai tres lustros contaba co dobre de base social con carné. Os resultados coñeceranse a primeira hora da noite.