O PSOE insiste en pedir explicacións a Feixoo por "trato de favor" da Xunta coa súa irmá

Alberto Núñez Feixoo e Isabel Díaz Ayuso, nunha manifestación convocada polo PP en Madrid contra a amnistía, o pasado 12 de novembro. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A formación socialista sinalou que durante o mandato de Alfonso Rueda no Goberno galego "foron uns 17 millóns de euros os adxudicados a Eulen, aos que hai que sumar os 37 millóns adxudicados cando o propio Feixoo presidía a Xunta da Galiza".

O PSOE insistiu esta segunda feira en pedir explicacións ao líder do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, ao poder existir, segundo denunciou a formación, "trato de favor e mesmo revelación de información privilexiada" da Xunta da Galiza coa súa irmá, que dirixe a empresa Eulen para a zona do noroeste do Estado español.

A formación socialista sinalou que durante o mandato de Alfonso Rueda no Goberno galego "foron uns 17 millóns de euros os adxudicados a Eulen, aos que hai que sumar os 37 millóns adxudicados cando o propio Feixoo presidía a Xunta da Galiza".

Ao mesmo tempo, o PSOE reclamou que se fagan públicos os contratos con Eulen, incluíndo "as ofertas das empresas competidoras nos concursos". En Ferraz queren coñecer "cales foron as 'valoracións subxectivas' que decantaban a balanza cara a Eulen en moitos deses contratos, e deixaban ás súas competidoras fóra do concurso público".

"Os diferentes estamentos da Administración galega, e os seus respectivos responsábeis nas diferentes épocas, deben contar se había algunha orde explícita dos seus superiores para que as valoracións subxectivas favorecesen a Eulen", insistiron desde o PSOE.

Neste sentido, o PSOE volveu reclamar "explicacións inmediatas" ao líder do Partido Popular para que "antes do mes de setembro" detalle todos os pormenores sobre estas adxudicacións a familiares directos".

"Millóns de euros dos impostos de todos os galegos e galegas non poden estar baixo a sospeita do trato de favor ou a información privilexiada producen estas explicacións", reprochou o Partido Socialista a Feixoo.

A formación xa anunciou a pasada sexta feira que a partir de setembro levarán a cabo medidas parlamentarias e xudiciais para investigar, "até as últimas consecuencias", os contratos outorgados pola Xunta da Galiza a empresas dirixidas pola irmá do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, e o pagamentos de Quirón Saúde á parella de Isabel Díaz Ayuso (unha nova que adiantou Nós Diario en 2022), ademais de "todo o armazón que rodea esas comisións e a vivenda na que reside a presidenta da Comunidade de Madrid".

Desde o PSOE tamén criticaron que case catro millóns foron concedidos por unha curmá do presidente do PP "desde as súas responsabilidades no sistema de saúde público galego". "É imposíbel que un xefe da oposición que pretendeu ser presidente do Goberno de España se presente a un cargo dese nivel con esta folla de servizos", concluíron desde a formación.