O PSOE investigará os contratos da Xunta coa familia de Feixoo "até as últimas consecuencias"

O líder do PP e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no seu escano do Congreso. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
Os socialistas avanzan que adoptarán medidas "parlamentarias e xudiciais" para chegar ao fondo da cuestión e apuntan tamén aos pagamentos de Quirón Salud á parella de Isabel Díaz Ayuso, alén de "todo o armazón que arrodea esas comisións e a vivenda na que reside a presidenta da Comunidade de Madrid".

O PSOE anunciou esta sexta feira que a partir de setembro levará a cabo unha serie de medidas parlamentarias e xudiciais orientadas a investigar, "até as últimas consecuencias", os contratos outorgados pola Xunta da Galiza a empresas dirixidas pola irmá do líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, así como os pagamentos de Quirón Salud á parella de Isabel Díaz Ayuso, alén de "todo o armazón que arrodea esas comisións e a vivenda na que reside a presidenta da Comunidade de Madrid".

Nun comunicado de prensa, Ferraz avanza que se desde o PP "non dan explicacións antes do próximo mes", emprenderán unha serie de iniciativas "para esclarecer todo o que arrodea estes dous casos". Os socialistas apuntan que a irmá de Feixoo "foi beneficiaria, como directiva para Galiza da empresa Eulen, de contratos por valor de millóns de euros", e engade que case catro millóns foron concedidos por unha prima do presidente do PP "desde as súas responsabilidades no sistema de saúde pública galego".

"Non é só un caso claro de nepotismo" a xuízo do PSOE, que asegura que o actual presidente e sucesor de Feixoo na Xunta, Alfonso Rueda, continuou "ampliando os contratos á empresa da irmá de Feixoo até chegar aos 17 millóns de euros en dous anos", con base en informacións xornalísticas.

Denuncia que o PP utiliza a súa maioría absoluta no Parlamento galego para negarse a comparecer ou a que se investigasen "estes millóns de euros que circulan desde a Administración galega á empresa dirixida pola irmá de Feixoo". Unha situación que consideran os socialistas "insostíbel".

Informacións recollidas en Nós Diario

Nos últimos anos Nós Diario vén sinalando nas súas páxinas o suposto "trato de favor" de Alberto Núñez Feixoo ás empresas dirixidas por familiares, como é o caso de Eulen e a súa irmá, un caso denunciado de forma reiterada desde a súa chegada á Presidencia da Xunta.

Aliás, desde o BNG veñen denunciando no Parlamento da Galiza os contratos adxudicados pola Xunta a Eulen, e de feito en 2023 puxeron o caso en mans da Valedora do Pobo. Tamén desde o PSdeG, mais todos os intentos de auditar estas contas toparon coa negativa imposta pola maioría absoluta do PP.

A vivenda de Ayuso

Por outra parte, a respecto de Ayuso, o PSOE sostén que a presidenta madrileña tamén se nega a dar explicacións sobre "comisións cobradas pola súa parella da empresa Quirón Salud, unha das maiores beneficiadas pola privatización salvaxe da sanidade pública madrileña".

"Ayuso debe aclarar se vive nunha casa que se pagou con comisións dun dos maiores receptores de diñeiro público da Comunidade de Madrid; tamén debe aclarar se cando presidía os consellos de goberno da CAM que aprobaban os pagos a Quirón, xa era coñecedora de que a súa parella era comisionista para esta mesma empresa sendo ela, por tanto, beneficiaria a título lucrativo", reclama a formación socialista.

Segundo o PSOE, este caso ten moitas máis derivadas e son "suficientes" para unha comisión de investigación ou unha instrución xudicial, indicando que a casa na que reside a presidenta dunha comunidade autónoma "non pode estar baixo a sospeita de supostos 'homes de palla', préstamos en metálico dos que non se coñece o prestamista nin a orixe do diñeiro, ou froito da relación vía comisións da súa parella con Quirón Salud".

Os socialistas expresan que "nin Feixoo nin Ayuso teñen ningunha bula para ser máis que calquera español". "O seu empeño en non dar explicacións só estende máis a sospeita sobre estes casos", engaden, e avisan de que non van "permitir" que as "maiorías absolutas do PP en Madrid e Galiza convertan aos seus líderes en absolutistas, políticos que se cren por encima da lei e os cidadáns, para facer e desfacer ao seu antollo sen render contas". "A impunidade termina aquí e agora", conclúen.