O PSOE mete na neveira a súa proposta federalista

Pedro Sánchez

A formación de Pedro Sánchez enfría a iniciativa dunha reforma da Constitución da que tanto presumiu “á espera do que aconteza en Catalunya” e xusto despois de que Rajoy se negara a seguir ese camiño.

 
 
 
 

 

O PSOE non presentou aínda no Congreso a súa proposta de reforma da Constitución en sentido federal unha semana despois de anunciala no Consello de Política Federal que reuniu os seus líderes territoriais en Zaragoza. Aínda que os socialistas insisten en que esta reforma é a única saída á crise, fontes internas recoñecen que agora “están á expectativa do que ocorra en Catalunya nos próximos días” e prefiren manter esa iniciativa na neveira, nunha decisión que tamén podería ter peso a negativa do PP, anunciada por Rajoy, a explorar esa vía, xa que @s socialistas manteñen bastante acordo cos populares a respecto da negativa ao dereito a decidir das nacións do Estado. Así mesmo, existen reticencias entre algunhas baronías ante a posibilidade de que esa proposta sexa asimétrica, o que consideran que lles prexudicaría, ademais de ir en contra as súas crenzas.

Algúns poderes territoriais do PSOE néganse a que as nacións do Estado poidan ter un trato diferente

Deste xeito, pasaron xa oito días desde que o líder dos socialistas, Pedro Sánchez, anunciara que o seu partido impulsaría "de inmediato" a posta en marcha dunha subcomisión, na Comisión Constitucional da Cámara Baixa, para comezar a "delimitar o radio" da reforma da Carta Magna. Pero non se concretou ese anuncio nin o vai facer nos próximos días, o que deixa no aire se a intención do PSOE é firme ou se trata dun anuncio co que intentan simplemente marcar postura electoral, sobre todo para intentar recuperar algún papel co PSC en Catalunya, onde perde votos de xeito continuo.

En Galiza, o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, amosouse favorábel á reforma da Constitución en sentido federal e asegurou que dentro deses cambios, Galiza “terá que estar no vagón das nacionalidades históricas”, o que en principio a situaría xunto a Catalunya e Euskadi en niveis competenciais, aínda que o plan do PSOE cara á ese suposto federalismo segue sen estar moi concretado