O REFERENDO CATALáN DESAPARECE COMO LIñA VERMELLA

PSOE e Podemos acordan abrir unha mesa de negociación con vistas a formar goberno

Pablo Iglesias, disposto a renunciar á vicepresidencia para viabilizar un goberno de "coligazón progresista", un "goberno á valenciá", co PSOE. Pedro Sánchez considera que, “con cautelas”, estase “máis perto dun goberno do cambio que de repetir eleccións”.

A xuntanza de máis de dúas horas entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias finalizou cun acordo para abrir unha mesa de negociación entre PSOE e Podemos con vistas á formación dun goberno “do cambio”. “Hai vontade mutua para seguir a dialogar”, manifestou Iglesias, o primeiro en comparecer após a reunión. O líder de Podemos manifestou mesmo que estaba disposto a ceder “e non estar no goberno” para que haxa un executivo de progreso. Renunciaría así á vice-presidencia que el propio reivindicou nun posíbel executivo. Unha frase que foi retrucada posteriormente por Sánchez cun “el só se puxo e el só se exclúe”.

Iglesias tamén manifestou que está disposto a se reunir con Ciudadanos para lles pedir o seu apoio activo ou pasivo a un goberno de progreso. Isto é, que vote a favor ou se absteña. O que non contempla o secretario xeral de Podemos é que estean no goberno. Aposta nun goberno co PSOE sen presenza de Ciudadanos. O problema é que Ciudadanos quer un goberno co PSOE sen a presenza de Podemos. Pablo Iglesias ponse á fronte da comisión negociadora de Podemos, desprazando Iñigo Errejón, que até o de agora asumía ese cometido.

Fronte os 131 deputados que suman Podemos e Ciudadanos, Iglesias falou da “vía 161”, que serían os deputados que sumarían socialistas, Podemos, as confluencias, IU, Compromís. Sánchez retrucou lembrando que 161 non dá para a maioría absoluta e por iso aposta nun '191', en referencia a Podemos, Cs e PSOE.

O referendo, desaparecido

O referendo en Catalunya, até non hai tanto presentado como unha liña vermella por Podemos para un goberno co PSOE, xa non está. Transformouse nun convite a PSC e Catalunya si que es Pot a traballar xuntos nunha proposta para o debate. Así, o referendo fica relegado a Catalunya e sen maiores concrecións a respeito dunha alternativa.

Pedro Sánchez, na súa quenda de intervención, dixo que “imos a por todas”, se ben “con cautelas” e manifestou que “estamos máis perto dun goberno do cambio que de repetir eleccións”. Afirmou que a noticia era que “por fin” Podemos “dixo si a negociar” co PSOE, e indicou que hai dous elementos que partillan completamente: que non se debe ir a unha repetición das eleccións e que hai que poñer fin ao goberno de Rajoy. Na súa intervención, Pedro Sánchez falou en todo momento dunha negociación a tres: PSOE, Podemos e Ciudadanos.