PSOE e PP selan un pacto para gobernar O Carballiño en coalición, que inclúe ceder a Alcaldía aos populares un ano

Casa do Concello do Carballiño (Foto: De Alma)

O actual portavoz popular no Carballiño, José Castro, será o tenente de alcalde até que chegue a quenda de ter a Alcaldía.

PSOE e PP pecharon esta terza feira un pacto para gobernar O Carballiño (comarca homónima) en coalición, que inclúe que o rexedor que resultou investido após as pasadas eleccións municipais, o socialista Francisco Fumega, cederá o bastón de mando municipal aos populares no último ano de mandato previo aos comicios locais de 2027.

Fontes populares e socialistas consultadas por Europa Press confirmaron a existencia deste acordo que inclúe unha repartición de áreas de Goberno e puntos programáticos para lograr o "avance" desta localidade que rolda os 14.000 habitantes. O actual portavoz popular no Carballiño, José Castro, será o tenente de alcalde até que chegue a quenda dos populares de ter a Alcaldía.

Após as eleccións de maio do ano pasado, Francisco Fumega, do PSOE, gobernaba O Carballiño en minoría, con seis edís. O PP ten cinco, os mesmos que Espazo Común, o partido do ex alcalde da localidade e ex conselleiro do bipartito, Pachi Vázquez. O BNG ten 1 representante.

Precisamente, o Concello do Carballiño tiña fixado para esta cuarta feira 19, ás 11:00 horas, unha sesión plenaria extraordinaria --posterior á celebración do pleno ordinario-- a petición de Espazo Común na que se expuña a posibilidade dunha moción de censura que dese pé a unha alternativa política a Fumega.

Finalmente, o achegamento produciuse entre socialistas e populares, o que converte a esta localidade próxima a Ourense, onde os grupos tamén negocian estes días unha posible alternativa a Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana) nun dos poucos casos nos que se propician este tipo de pactos entre dúas formacións.