O PSOE proporá unha reforma federal de carácter “limitado”

Besteiro e Sánchez

Pedro Sánchez defende cambios na Carta Magna española pero defende a Transición , polo que a súa aposta territorial terá difícil aceptación para resolver cuestións como a catalá.

 

O PSOE vai presentar nos próximos días unha iniciativa no Congreso dos Deputados para "delimitar o radio" da reforma da Constitución que @s socialistas consideran “necesaria para solucionar a crise territorial”, un debate ao que animaron ao Goberno e ao conxunto das forzas políticas.

Así o anunciou o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, nunha roda de prensa unha vez finalizado o Consello de Política Federal que reuniu a todos os dirixentes territoriais socialistas no Palacio da Aljafería, sede das Cortes en Aragón.

O líder socialista cre que hai que "delimitar o radio" da posíbel reforma

Así, os socialistas recuperaron este domingo a proposta de abrir un debate no Congreso dos Deputados sobre a reforma, mediante a creación dunha subcomisión na Comisión Constitucional, unha iniciativa da que falou o anterior líder do PSOE, Alfredo Perez Rubalcaba, pero que non se chegou a rexistrar. Agora, Sánchez explicou que a levarán proximamente ao Congreso para iniciar un debate previo á creación dun relatorio constitucional, que confesa que será de carácter moi limitado no seu federalismo e “fiel á Transición” o que xa abre dúbidas sobre se poderá rebaixar a reivindicación do dereito a decidir das nacións do Estado.