Óscar Puente suprime as peaxes da AP-7 nos tramos valenciano e murciano mais mantén as da AP-9 na Galiza

Óscar Puente e Marta Serrano, a segunda feira presentando a liberación da AP-7 en Alacant. (Foto: Euroa Press).

Circular polos tramos de pago da AP-7 no País Valencià e a Rexión Murcia é gratuíto até o 15 de outubro. As catro autoestradas radiais de Madrid construídas na primeira década do século XXI están libres de peaxes desde 2018. Audasa seguirá cobrando ás usuarias da AP-9 porque o Goberno do Estado español afirma non poder asumir os custos da  súa liberalización.

A antiga autoestrada do Mediterráneo é historia. A longa vía de pago que conectaba La Jonquera en Catalunya con Guadiro en Andalucía pola fachada litoral mediterránea sumando mais de 995 quilómetros xa só conta con catro tramos de pago, tras anos de peticións dos partidos políticos e sectores sociais de Catalunya, País Valencià, Murcia e Andalucía, que obrigaron o Goberno estatal a deixar sen peaxes a práctica totalidade da vía.

O Ministerio de Transporte e Mobilidade Sustentábel deu un paso máis nesa dirección. O titular do departamento, Óscar Puente, anunciou a decisión do Executivo estatal de garantir até o 15 de outubro a gratuidade do tráfico nos tramos de Alacant (País Valencià), de Crevillent (País Valencià) a Cartaxena (Rexión de Murcia) e desta até Vera, nos lindes de Andalucía. A este obxectivo o Executivo do Estado achegou 90 millóns de euros.

A liberalización das peaxes nestes tramos da AP-7 vén para quedar. Malia que Puente afirmou na presentación da iniciativa que esta ten un carácter temporal e está limitada no tempo ao remate do groso da tempada turística, a alternativa xa fora avanzada no mes de maio após comprometerse cos principais empresarios valencianos e coa patronal hostaleira deste territorio a fixar a gratuidade desta vía.

O rescate das radiais

Puente non aforrou diñeiro para satisfacer as demandas do País Valencià como xa fixera en  2018 e 2019 o seu antecesor no departamento, José Luís Ábalos, coas autoestradas radiais madrileñas, seguindo o deseño fixado polo último ministro de Fomento de Mariano Raxoi, Íñigo de la Senra. Neste caso, o Executivo español rescatou nove vías promovidas polo Goberno de José María Aznar e cuxa concesión recaía nun consorcio de empresas participado polas grandes construtoras do Estado español e por algunhas das caixas de aforros quebradas após 2008.

O custo do rescate das autoestradas radiais madrileñas  achégase a 4.000 millóns de euros. Malia que o ministro De la Senra afirmou en 2016 que non implicaría gasto algún para a Administración e o seu sucesor Ábalos sinalou en 2019 que en ningún caso superaría os 3.305 millóns de euros, unha sentenza firme do Tribunal Supremo de novembro de 2022 elévao a máis de 4.000 millóns. Nesta liña, os expertos aseguran que o seu custo final estará perto dos 5.000 millóns de euros que reclaman as antigas concesionarias.

O caso galego

O Goberno español continúa a rexeitar a gratuidade da AP-9 e négase a rescatar a concesión na liña da demanda da Comisión Europea. No caso galego, Puente oponse á liberalización da autoestrada do Atlántico pola súa contía, que a empresa titular da explotación, Audasa, cifra, nun escrito dirixido á Comisión  Nacional do Mercado de Valores (CNMV) en maio de 2023, nun total de 1.034 millóns de euros.