23-X

Que pasaría se Galiza fose unha circunscrición única? Así se traducirían os resultados do domingo

Cunha única circunscrición na Galiza, o PP obtería 11 escanos; o PSOE, 7; Sumar, 2; BNG, 2, e Vox, 1.
Neste suposto, e partindo da Lei d'Hondt, o Partido Popular perdería dúas actas, que irían parar a BNG e Vox.

As eleccións ao Congreso deste domingo, 23 de xullo, deixaron o PP como vencedor na Galiza con 43,54% dos votos que se traduciron en 13 escanos, fronte aos sete do PSOE —tres menos que en 2019, os que foron parar aos populares—, dous de Sumar e un do BNG —en ambos os casos sen cambios—. Vox ficou fóra con 4,79% dos apoios e case 40.000 votos menos que na anterior cita electoral.

A extrema dereita, de feito, foi a única das principais formacións que empeorou o seu resultado o domingo canda Sumar, que logrou 10,94%, tres puntos menos que a suma de Galicia en Común e Máis País —agrupadas ambas as formacións no espazo liderado agora por Yolanda Díaz—, se ben isto non tivo un reflexo na distribución de escanos en ningún dos casos.

O PP alcanzou os mellores resultados nas circunscricións de Lugo e Ourense, obtendo na primeira máis da metade dos votos (50,35%) e ficando próximo na segunda (49,92%), o que lle valeu senllas vitorias con tres actas fronte a unha que recolleu o PSOE.

En Pontevedra logrou máis sufraxios, mais empatou en deputados (3) cos socialistas, mentres a sétima foi para Sumar. E na Coruña si obtivo máis escanos (4) que o resto, se ben iguala o resultado conxunto de PSOE, Sumar e BNG, con dúas, unha e unha actas, respectivamente.

E que acontecería nun hipotético escenario no que os galegos e galegas votasen nunha única circunscrición? Facemos os cálculos ao abeiro do sistema de repartición de escanos que impón a Lei d'Hondt e o resultado é idéntico para PSOE e Sumar, mentres o BNG sumaría un segundo asento no Congreso e a ultradereita lograría o primeiro, en detrimento do PP.

Así, os 699.513 votos que os populares recolleron no conxunto da Galiza corresponderíanse con 11 actas; os 479.355 do PSOE, en sete; os 175.813 de Sumar, en dúas; os 152.327 do BNG, en dúas tamén, e os 77.014 de Vox, en unha. Para este suposto estabeleceuse o limiar de 3% que rexe nas eleccións estatais en cada circunscrición.

E no caso dunha circunscrición única a nivel estatal? Neste hipotético escenario, fixando o limiar de 3% unicamente lograrían entrar no Congreso PP, PSOE, Vox e Sumar, cunha axustada maioría absoluta para o bloque de dereitas, polo que propomos tamén un escenario alternativo, tendo en conta tamén as dificultades engadidas de lograr representación a nivel estatal. Suprimindo a barreira electoral, así, o PP (120) avantaxaría en cinco escanos o PSOE (115), mentres Sumar e Vox empatarían a 45.

Na Galiza o BNG obtería tamén un escano máis que nestes comicios (2); en Catalunya, ERC perdería un escano (6) e Junts dous (5), mais lograría entrar a CUP (1); e en Euskal Herria, habería un empate a catro entre PNV e EH Bildu. Aliás, Coalición Canaria mantería a súa acta e irromperían na Cámara baixa os animalistas do Pacma (2).