XAVIER CAMPOS, IDEAS.GAL

“Queremos dar cabida a esa pluralidade de voces que acredita en Galiza como suxeito de referencia”

X. Campos

Embora estar aínda nos seus primeiros pasos, ideas.gal abre un oco como espazo de reflexión, debate e análise tendo Galiza como eixo central. Falamos con Xavier Campos, un dos seus responsábeis, sobre unha iniciativa aberta impulsada desde a Fundación Galiza Sempre.

 

- Nace ideas.gal para construír un 'discurso da soberanía'?

- A idea é impulsar un espazo de encontro onde crear argumentos e socializar a idea de que Galiza ten futuro se nós, os galegos, decidimos e nos propoñemos construír ese futuro propio. E aí entendemos que a auto-organización xoga un papel de importancia. Queremos con ideas.gal facer un espazo amplo, aberto, de diálogo e debate, sendo conscientes de que hai moitas persoas e moitos colectivos cos que podemos confluír e aprender, cos que construír argumentos, cos que debater, sobre Galiza. Vivimos uns tempos nos que xorden toda unha serie de retos por diante e cremos que lles hai que dar unha resposta en chave propia.

"O gran reto que temos é facer ver á maioría da sociedade que un cambio das cousas en Galiza ten que vir da man do dereito a decidir sobre o noso"

- Destaca nestes primeiros pasos que apostades en abrir ‘cancha’, en incorporar opinións e achegas de persoas que, como Fran P. Lorenzo ou H. Miguélez Carballeira, a priori non son voces que un espera atopar neste tipo de proxectos.

- É algo buscado. Queremos que nesta tarefa teñan voz colectivos e persoas de diferente tipo e que forman parte dese campo amplo e heteroxéneo que temos Galiza como suxeito de referencia. A partir dese convencemento hai espazo para toda esa pluralidade. E ese é un dos valores que cremos que debe ter ideas.gal, achegar esas voces procedentes de espazos que non están nesa dinámica estritamente política nin, por dicilo así, en coordenadas estritamente nacionalistas mais que teñen cousas interesantes a dicir.

- Ideas.gal pon logo interese en falar e comunicar ‘para fóra’ dos círculos máis concienciados en torno ao soberanismo...

- A gran necesidade e o gran reto que temos é facer ver que un cambio das cousas en Galiza ten que vir da man do dereito a decidir sobre o noso. E iso, que no nacionalismo temos moi claro, hai que ser quen de trasladalo ‘cara fóra’. A utilidade real para Galiza da soberanía, para os seus sectores produtivos, para unha maior igualdade, para construírmos outro modelo diferente... Ideas.gal queremos contribuír a ese debate, a dar argumentos para convencer e a socializar eses argumentos.

- Ten o ‘discurso’ soberanista que explicarse mellor? Que achegar argumentos para ser quen de ‘atraer’ a esa parte da poboación galega que se está a ‘politizar’ e que aposta nun cambio, mais no que a cuestión nacional nin se contempla?

- Necesitamos facer ver que o social e o nacional non van desligados en Galiza, senón o contrario. O noso país precisa gobernarse a si propio e cando afirmamos isto non estamos a realizar unha declaración de intencións `identitaria’. O nacional é material, a defensa da soberanía plásmase no concreto, como pode ser na defensa dos sectores produtivos. Certo, hai xente que se move para cambiar o ‘statu quo’ actual e cun potencial mobilizador importante, e que non contempla o dereito a decidirmos como pobo. O que queremos transmitir e fortalecer é a idea de que só desde a soberanía se pode dar unha verdadeira transformación deste país.

"O noso país precisa gobernarse a si propio e cando afirmamos isto non estamos a facer unha declaración de intencións `identitaria’"

- Estades a tecer unha serie de relacións e contactos con proxectos doutros países que se moven en parámetros semellantes aos de ideas.gal

Si, con fundacións en Euskal Herria (Iratzar) ou ben o Ciemen, en Cataluña, e tamén coas que forman parte do grupo europeo ALE.

- Estades satisfeitos do decorrer destes primeiros pasos desde que se activou o proxecto ideas.gal?

- O balance que facemos é moi positivo. Comezamos de forma experimental en decembro nas xornadas en Lugo nas que se avaliaba a etapa autonómica e as consecuencias para o noso país dun modelo que entendemos claramente esgotado. Aos poucos fomos engadindo opinións, como a de H. Miguélez Carballeira, que xerou certo debate nas redes sociais, o que consideramos importante pois quer dicir que hai capacidade de debate e que onde hai iso hai unha sociedade viva, que se interesa e participa.

A nosa idea é que cunha periodicidade de dous meses ir desenvolvendo diferentes temas monográficos, abordándoos de diferentes perspectivas. E sempre apostando en incorporar novas voces.