Queren regular as redes para que só falen os da caverna, co aplauso do condutor de Foro Alberto

quiosque

Sempre vixiante, o espía na campaña alértanos sobre como queren aplicar agora a tesoura ás nosas liberdades nas redes sociais. Quérenas libres de pensamento alternativa e inzadas de ideas cavernarias.

Toque de corneta. E, como ben sabedes aqueles que tiveron que sufrir aquel secuestro español chamado Mili, o primeiro en erguerse sempre é o máis dócil, o covarde. O resto -e desculpen as batallas masculinas- vían como un orgullo o arresto, xa non digamos aquela gloriosa insubmisión grazas á cal ninguén máis ten que afrontar ese trago. Mais volvamos ao rego. Pi-pi-pi-pi-tu-tu-piiiii. O ministro de Interior tocou a rebato -este espía descoñece se tal cousa escrébese xunta ou separada, nin pensa mirar en sitio ningún para averigualo- baixo a orde de Censura nas Redes, Todo por la Patria. E o pelota foi o primeiro en erguerse, “claro que si, señor, canta razón ten”.

Porque seica nunca as redes sociais foron cousa mala, non ocupaban os artigos do recluta consolidado cando se pedían masacres militares contra soberanistas, ou cando aquel que non se expresa en castelán ten que aturar centos de mensaxes dicindo que lle van meter o seu idioma na caluga, en forma de bala. Iso son cousas que pasan. Cando ocorren ao revés -noutra dirección- igual de feas, entón o pelota de primeira si ten algo que dicir, na súa columna de El Correo Gallego. Non se confundan, é un rancor que arrastra de hai tempo, de cando nas redes chamaron ao seu debate Foro Alberto, denominación bastante máis atinada que Foro Aberto. Xa saben de quen falamos.

O novo horizonte de 'liberdade de expresión' quere aplicar censura, utilizar escusas de actualidade para dende posicións ideolóxicas calar a boca a millóns porque seica @s únicos que poden falar son @s da caverna. Que eses non insultan, que va. E así, xa saben, na prensa como no fútbol. Unha bandeira española con motivos nazis, pase, pase. Unha estreleira galega, unha senyera... detengan a estes terroristas. Foro Aberto. Prensa Plural: PP.