Quinta sanción da Xunta electoral ao goberno de Feijóo nun mes

Desta volta, o titular de Educación terá que retirar da páxina oficial a información referida ao seu periplo por varias escolas da comarca de Valdeorras

A Xunta electoral volveu emitir unha sanción contra o goberno do PP, a quinta desde que o 27 de agosto se anunciou a data das eleccións. Desta volta, a consellaría de Educación terá que retirar da súa páxina web a información, con nota de prensa e video, en que se recolle o periplo do seu titular, Jesús Vázquez, por varias escolas da comarca de Valdeorras a mediados desta semana.

Así, o órgano lembrou á Xunta a instrución da Loreg --Lei orgánica do réxime electoral xeral-- que está a vulnerar, en concreto aquela que sinala que a propaganda institucional permitida é unicamente aquela con carácter "informativo" e que resulte "imprescindíbel para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos". Instan o executivo a retirar dita publicación, aínda que até a segunda feira ao serán o PP aínda ten tempo para presentar un recurso.

Como se sinalou máis arriba, é esta a quinta infracción que comete a Xunta nun mes. Tivo xa que retirar a campaña A Galiza do futuro depende de nós; unha noticia colocada na web da Xunta en que se vertían acusacións contra o alcalde de Lugo; unha campaña da consellaría de Benestar sobre o decálogo de dereitos das persoas maiores; e a información sobre a sinatura dun acordo con Pemex para a construción de buques nos estaleiros galegos.

O uso dos medios de comunicación do goberno galego na procura de réditos partidistas para o PP non é novo. Tal e como informamos hai unhas semanas neste xornal, Educación leva tempo empregando o seu portal web para responder ás mobilizacións sindicais, nomeadamente da CIG, anulando así calquera posibilidade de réplica por parte da central nacionalista.