Cualifica de “disparate” ir a terceiras eleccións

Rajoy anuncia que o PP aceita a abstención do PSOE sen pór ningunha condición

Rajoy, nunha reunión na Moncloa co caído Pedro Sánchez

O desbloqueo político está máis perto no Estado. A hipotese dunhas terceiras eleccións pasa a mellor vida. Esta quinta feira, Mariano Rajoy despexou as dúbidas sobre a disposición do seu partido a aceitar unha eventual abstención do PSOE no trámite da súa investidura. "Non vou pór condicións para negociar", dixo.

Rajoy atendeu os meios antes de inaugurar en Torremolinos un congreso xurídico e as súas declaracións puxeron terra de por meio a respeito de afirmacións realizadas estes días por dirixentes do seu partido en relación á imposición de condicións ao PSOE á hora de aceitar a súa abstención. Non haberá tal. O líder do PP deixou claro que a súa prioridade é formar goberno xa e non dubidou en cualificar de "disparate" ir a terceiras eleccións.

O presidente do goberno en funcións voltou a defender a idea de que o mellor para o Estado sería un goberno de coligazón co partido socialista, mais, consciente da imposibilidade dese escenario, enfatizou que si está disposto a aceitar a abstención da formación socialdemócrata sen pór ningunha condición previa.

"Se non é posíbel iso [a grande coligazón] nós estamos dispostos a considerar calquera posibilidade, porque a prioridade é formar goberno", dixo. Esta declaración contrasta coa feita esta cuarta feira polo portavoz do grupo parlamentar do PP, Rafael Hernando, nada proclive a aceitar unha "abstención estratéxica" do PSOE e partidario, en troca, de ir a un acordo amplo de lexislatura.

Esclarecida a posición do PP -si á abstención do PSOE sen condicións, non a terceiras eleccións- os focos póñense agora no PSOE

Esclarecida a posición do PP -si á abstención do PSOE sen condicións, non a terceiras eleccións- os focos póñense agora no PSOE. Liquidado o secretario xeral, Ferraz ten pendente a convocatoria dun comité federal en que se irá substanciar a súa posición sobre a investidura. A maioría do aparato -e tamén, segundo trascendeu nas últimas datas, do grupo parlamentar- inclínase por apoiar mediante a abstención a continuidade de Rajoy, co argumento do mal menor: pior sería ir a unhas terceiras eleccións en que -segundo enfatizou esta semana o presidente da xestora, Javier Fernández- o PP aínda melloraría os resultados do 26X.

Despexado ese trámite, o PSOE aprazará uns meses a realización do congreso extraordinario ao que vén obrigado após a demisión primeiro da metade máis un da súa Comisión Executiva Federal e despois do seu secretario xeral. A batalla interna no seo do partido socialista está moi lonxe de ir a menos e todo indica que Pedro Sánchez continúa a pensar nun hipotético retorno á ponte de mando de Ferraz.