Rajoy non espera unha ruptura do acordo de PP e PSOE sobre a “unidade de España”

Rajoy e Rubalcaba.

O presidente do Goberno español amosa a súa confianza en que o novo líder estatal que elixan @s socialistas na consulta convocada para o domingo 13 de xullo “manteña unha posición semellante á de Rubalcaba” sobre Catalunya. O PP quer un fronte común das forzas bipartidistas contra o referendo do 9-N.

Mariano Rajoy, titular do Goberno central e líder do PP, asegurou que espera do sucesor de Alfredo Pérez Rubalcaba no PSOE "unha posición semellante" (e polo tanto negativa) con respecto ao referendo de autodeterminación que convocou a Generalitat de Cataluña con apoio do Parlament e poder manter con el "contacto directo" que manteña a coincidencia sistémica entre os dous grandes partidos sistémicos do Estado arredor do que chaman “unidade de España”.

Rajoy amosou a súa confianza en manter ese acordo con quen saia elixido das primarias socialistas do próximo domingo durante a súa intervención de clausura do Campus FAES, a Fundación da dereita española que preside o ex-presidente José María Aznar, onde reiterou que a consulta catalá é "ilegal" e "non se vai a celebrar". “É ilegal, o que sexa España é algo que corresponde decidir ao conxunto de todos os españois como perfectamente reza a Constitución", engadiu.

Aznar

O encargado de presentar a conferencia de Rajoy foi Aznar, quen tampouco se estendeu sobre este asunto pero ofreceu un punto de vista máis dramatizado. Ao seu xuízo, "están en cuestión a Constitución, a unidade e a continuidade histórica de España”.