DEBATE NO CONGRESO

Rajoy desbota unha tarifa eléctrica para Galiza: ‘’Ten de ser igual para todos os españois’’

olaia congreso bng

A petición do BNG dunha tarifa propia para Galiza -que exporta o 40% da enerxía que produce- que compense o impacto da explotación de recursos foi desbotada polo presidente español. ‘’Vai contra a igualdade entre todos os españois’’. En Alemaña ou Reino Unido hai tarifas diferentes por territorios.

 

O goberno español négase a facer as modificacións precisas para que Galiza, como territorio produtor e exportador de enerxía, poida ter unha tarifa eléctrica propia, tal e como lle solicitaba o BNG. “A tarifa eléctrica ten de ser igual para todos os españois”, dixo Mariano Rajoy na súa intervención, engadindo que a iniciativa d@s nacionalistas galeg@s supón ir contra “o principio de igualdade e solidariedade entre todos os españois”.

A deputada Olaia F. Davila replicou a presidente español que en estados como Alemaña, Suíza ou Reino Unido existen tarifas diferenciadas atendendo as peculiaridades dos diferentes territorios. E Galiza, que exporta o 40% da enerxía que produce, e cuns salarios e pensións á cola do Estado, debe pagar o mesmo que outras zonas, o que o BNG non considera xusto para co país, onde o 18% da poboación ten dificultades para pagar a luz. Lembrou Davila, ademais, o pacto do Estado co goberno vasco “que vai permitir ter prezos electricidade máis baixos á industria vasca”. Polo que si que se pode ficar tarifa diferente “se hai vontade política”, sinalou a parlamentar, que pide a aplicación desa vontade para Galiza.

A deputada do BNG – que na súa intervención lembrou a greve nas sub-contratas de Telefónica que está a decorrer en Galiza- lembrou o impacto ambiental e social que xerou e xera a produción de enerxía. O que debería ter compensación.

Rajoy xogou a baralla da 'solidariedade' entre todos os españois e sinalou que se outros territorios piden un tratamento diferente en eidos como o dos investimentos, “Galiza non tería nunca AVE”.