Recentralización do ensino e reforma do modelo de financiamento

O goberno español aprobou esta sexta o anteproxecto de lei encamiñado a reformar a LOE. Asemade, anunciou que reformará o actual modelo de financiación dos territorios e que na vindeira xuntanza se presentarán os orzamentos xerais do estado máis un novo paquete de reformas. 

O agardado –e anunciado-- anteproxecto de lei para a Mellora da Calidade do Ensino foi aprobado esta sexta polo Consello de Ministr@s. O seu promotor, o ministro de Educación José Ignación Wert, presentaba en conferencia de prensa os principais trazos e obxectivos da reforma, entre os que salientou a diminución do fracaso escolar –que no Estado español se sitúa non 24%--, a mellora da empregabilidade e o nivel de competitividade do akumnado, o pulo por unha maior autonomía dos centros educativos e a búsqueda dunha maior “homoxeneidade” entre os territorios do Estado español.

Unha das principais reformas é a atribución do 65% e do 55% do currículo escolar ao goberno español

Segundo Wert, “as desigualdades entre as comunidades autónomas” foi sinalado desde a Unión Europea como unha das principais eivas do ensino español polo que instaron unha maior centralización dos contidos. Dito e feito. Unha das principais reformas que introducirá a nova norma é a atribución do 65% e do 55% do currículo escolar ao goberno español nos territorios sen lingua propia e daqueles que posúan unha lingua do seu, respectivamente. 

Esta nova asignación competencial, que ao entender do ministro non supón unha (re)centralización estricto senso, entraría no disposto pola Constitución e non minguaría a capacidade de xestión dos territorios. Malia todo, o certo é que o goberno español se reservará máis dun mecanismo de control do ensino, amáis do xa mencionado, a través do reforzo das denominadas “materias instrumentais” --lingua(s), matemáticas e ciencias-- e da (re)implantación das probas de avaliación nos distintos niveis educativos, máis coñecidas como reválidas. O Ministerio de educación, determinará o contido das devanditas probas –fixadas nos cursos de 3º e 6º de primaria 4º da ESO e Bacharelato--.
Suprímese así a proba de selectividade –que até o de agora elaboraban as comunidades--.

O goberno español reservarase máis dun mecanismo de control do ensino

Asemade, a reforma prevista polo goberno español, converterá o último curso do ensino obrigatorio nun ano académico de iniciación ao bacharelato ou a Formación Profesional, permitindo a escolla dun ou outro itinerario antes de rematar a ESO. Após anunciaren o pasado mes de xullo a súa redacción, a comunidade educativa opúxose na súa maior parte á aprobación da norma polo grao de centralismo e retroceso en materia de ensino que supón.

Ignacio Wert, anunciou así mesmo, que o goberno español aprobará unha outra norma pola que se modificará o Estatuto do docente, á fin, dixo, de aumentar o grao de autonomía dos centros.

Mas e Rajoy, presentes
Na quenda de preguntas d@s xornalistas, a vicepresidenta do goberno, Soraya Saénz de Santamaría, foi preguntada pola xuntanza desenvolvida a pasada quinta entre o president da Generalitat, Artur Mas, e o presidente español, Mariano Rajoy. A oposición do goberno de Rajoy a negociar un posíbel pacto fiscal, levou ao president a abrir a posibilidade dun adianto electoral cara o mes de novembro e, segundo o voceiro da Generalitat de Catalunya, mesmo se podería producir unha declaración unilateral de independenza após se constituir a Cámara catalana.

A vicepresidenta do goberno español, asegurou que o seu goberno “velará polo cumprimento da lei e por facer valer a Constitución española” mais non adiantou en ningún caso as medidas que podería adoptar o Estado español de se materializaren as propostas catalás. No entanto, Saénz de Santamaría, asegurou que perante as exixencias de diversos presidentes autónomos, o goberno de Mariano Rajoy valorará na vindeira Conferencia de Presidentes a reforma do actual modelo de financiamento aínda que non quixo avanzar a dirección desa suposta modificación.
Aliás, a voceira do goberno, insistiu en que o executivo non ten intención de conxelar as pensión nin aumentar os anos cara a xubilación –como aseguraban diversas fontes esta sexta-- para o que parafraseou ao presidente do goberno “sería o último que tocaría”. Porén, todo apunta a que o paquete de reformas que previsibelmente anunciarán a vindeira sexta, --xunto cos orzamentos xerais do Estado-- introducirán novas e severas medidas de axuste.