Referentes da cultura chaman á oposición a que faga un goberno progresista despois do 25S

Suso de Toro, un dos promotores do chamado cívico

Baixo o título xenérico de Fagan Favor, Fagan Goberno unha iniciativa de intelectuais e referentes da cultura, lanzada esta cuarta feira no Facebook, pide ás forzas da oposición (PSdeG, En Marea, BNG) que se comprometan a facer un goberno "de cambio progresista" despois do 25S.

A diferenza do que acontece no Estado, non existe moita dúbida nos cenáculos políticos de que se a oposición tripartita suma 38 ou máis escanos, haberá goberno alternativo a Feijóo, mais, por se acaso, un grupo de intelectuais e referentes da cultura galega puxeron a súa asinatura a un texto baixo o apelo xeral de Fagan Favor, Fagan Goberno.

No texto as persoas asinantes afirman que "Feijóo reduciu a Xunta a ser unha empregada aquí que atende os recados e as ordes do señorito en Madrid", o que trouxo consigo que "a autonomía, xa un limitado autogoberno en por si, perdese toda utilidade e rebaixando a nosa dignidade como país, como nación histórica".

"Pedimos ás candidaturas que están destinadas a formar un goberno de cambio progresista que se comprometan públicamente a abrir conversas inmediatamente tras as eleccións", di o chamado cívico

Conscientes de que Feijóo constrúe a súa campaña sobre o temor á mudanza, o chamado cívico manifesta:  "Non temos medo ao cambio, do que temos medo é desta asfixia que liquida o país, temos medo de que todo siga así, costa abaixo, e por iso pedimos ás candidaturas que están destinadas a formar un goberno de cambio progresista que se comprometan públicamente a abrir conversas inmediatamente tras as eleccións para pactar un goberno da Xunta que defenda os nosos intereses económicos e sociais e a nosa identidade cultural nacional".

A relación de asinantes deste chamado cívico é a seguinte: 

Suso de Toro, Ana Luísa Bouza,  Encarna Otero,  Lourenzo Fernández Prieto,  Rosa Aneiros, Margarita Ledo Andión, Xurxo Souto, María Reimóndez, Mercedes Queixas, Xabier Queipo,  Manuel Bragado, Xabier P. Docampo, Xosé Manuel Pereiro, Baldomero Iglesias (Mero),  Valentín G. Bóveda,  Ramón Máiz, Bernardo Máiz,  Tareixa Navaza,  Xoán López Facal, Ricardo Gurriarán, Antón Baamonde, María Yáñez, Aurora Marco, Idoia Camiruaga Oses, Antón Losada (prof. USC) e Mercedes Rosón.