Marilar Aleixandre (Sumar)

"A reforma laboral e os seus efectos son un beneficio para as mulleres galegas "

Marilar Aleixandre (Foto: Xoán Álvarez).
Marilar Aleixandre é a candidata número 1 de Sumar ao Senado pola Coruña.

—É a súa primeira participación nunha candidatura ás estatais?
Fun cabeza de lista do Movemento Comunista de Galiza nas primeiras eleccións municipais en Vigo. Na política levo desde os 18 anos. Empecei na militancia feminista clandestina en Madrid e despois na Galiza. Fun tamén nas listas de Esquerda Galega. Levo moitos anos cun compromiso cívico. Agora chamoume Marta Lois e considero que este é o momento.

—Vostede é unha destacada feminista, que suporía para a loita un goberno PP-Vox en Madrid?
Vemos o que está ocorrendo cos gobernos que pactan PP e Vox: a desaparición de concellarías de igualdade, eliminan a violencia de xénero cambiándolle de nome. É un tipo de negacionismo. Para os dereitos das mulleres sería un retroceso de décadas. A violencia exércese de moitas formas, de forma física pero tamén simbólica, con discursos nos que os dereitos das mulleres non contan. 

—En caso de saír elixida, que vai facer no Senado para que a Galiza estea presente?
O Senado teoricamente é unha cámara territorial, pero non actúa coma tal. Para levar máis cousas da Galiza que Feixoo ao Senado, o listón está moi baixo, en cero. Hai que falar de moitas cuestións que teñen que ver coa Galiza, como a produción de enerxía, especialmente coas renovábeis, ten que repercutir no territorio.

No bipartito había unha normativa, pero foi o primeiro que Feixoo eliminou. O PP fai gobernos ao servizo do capital depredador. 

—Como candidata de Sumar, que destacaría como beneficios para a Galiza desta lexislatura?
O que se fixo por Galiza desde o Ministerio de Traballo. Neste momento hai 531.700 mulleres traballando, nunca houbo tantas desde 2008. A reforma laboral e os seus efectos son un beneficio para as mulleres galegas.

Desde xaneiro de 2022 asináronse 348.000 contratos indefinidos, son 35% dos contratos asinados. O ano pasado o emprego temporal reduciuse en case 60.000 persoas. Iso é traballar por Galiza, máis mulleres ocupadas e con maior calidade 
do emprego.

—Canto de feminismo ten o proxecto de Sumar?
As mulleres somos a metade da poboación, polo tanto son dereitos que afectan á metade da poboación. Este é o modelo, desde Sumar propoñemos políticas feministas, son moitos anos de lograr conquistas ás que o PP sempre se opuxo. Os dereitos das mulleres, do colectivo LGBT+, son sempre avances da esquerda, e sempre coa oposición do PP. En caso de que gobernen sería marcha atrás. Pódese avanzar moito máis nos dereitos das mulleres. Falta moito por facer.