DPG2017

A reivindicación da independencia resoa nas rúas de Compostela na véspera do Día da Patria

Centos de mozas e mozos toman parte na tradicional manifestación xuvenil unitaria do 24X, apoiada por máis de 20 entidades, colectivos e organizacións. “Só loitando poderemos construír a Galiza Ceive por nós arelada”.

 

“A mocidade na ofensiva, Independencia”. Con esta clara declaración de principios como palabra de orde, centos de persoas tomaron parte neste 24 de xullo en Santiago de Compostela na manifestación xuvenil unitaria que leva realizándose desde hai cinco anos. Nesta edición foron 21 as entidades convocantes, desde centros sociais até organizacións políticas, pasando por colectivos deportivos e culturais. Houbo novas adhesións a respecto de anteriores convocatorias mais tamén ausencias. “Só loitando activamente contra as opresións é que poderemos construír esa Galiza Ceibe por nós arelada”, explicaban desde as convocantes.

A manifestación saíu da Alameda de Compostela pasadas as oito da tarde para percorrer rúas e prazas da capital galega coa reclamación da independencia de Galiza como principal palabra de orde. “Independencia”, “Galiza Ceive, Poder Popular”, “A loita é o único camiño”. ou "España é a nosa ruína". foron algunhas das consignas coreadas ao longo da mobilización, na que non faltou o acompañamento dos anti-disturbios.

 

“A soberanía é a chave para a verdadeira creba democrática”, incidían entre as manifestantes nunha mobilización na que a defensa da independencia como ferramenta para un futuro digno para a mocidade galega fusionaba co rexeitamento do capitalismo e o patriarcado. “Repetiremos as veces que fixer falla que queremos vivir libres nunha Galiza libre; queremos un futuro digno nunha Galiza antipatriarcal que rache co sistema de produción capitalista”.

“Saímos máis un ano á rúa para deixarmos claro que non nos resignamos nin renunciamos á autoorganización do noso pobo para avantar no exercicio da autodeterminación cara a República Galega”, indicaban na convocatoria dunha marcha que rematou na Praza do Pan (Cervantes), onde se procedeu á lectura do manifesto e ao canto do Himno Galego, todo iso baixo o constante zunir dun helicóptero da Policía española.