República e ruptura, lema de Anova para o 25X

Cartaz de Anova. Día da Patria Galega 2017.

Un lema mestizo perfeitamente acaído para a estratexia confluente da formación liderada por Antón Sánchez.

Anova informou esta quinta feira, a meio dun comunicado, sobre os actos que programa para celebrar o Día da Patria Galega 2017.

 

A formación integrada en En Marea prepara para o 24X unhas xornadas sob o título Unidade Popular e Procesos Constituíntes, na Faculdade de Filosofía de Santiago de Compostela. Nelas tomarán parte, alén de dirixentes de Anova, "outros do espazo de ruptura e referentes tanto das nosas alianzas confederais como das esquerdas soberanistas e independentistas vascas e catalás".

 

Refere Anova que "precisamos sumar vontades de cara a incorporar ideas como República, ruptura democrática e procesos constituíntes ao debate público que se está a dar na nosa nación".

 

O propio 25X, o acto programado por Anova é un mitin político apartir das 13 horas no Parque de Galegas a cargo do portavoz nacional da organización, Antón Sánchez, quen realizará un balanzo do curso político e debuxará as liñas de traballo para os próximos meses.

 

Ao termo do mitin, está axendada unha romaría popular coa que Anova porá o ramo á celebración.