VÍDEO NO INTERIOR

Rifa no pleno de Ponteareas: unha concelleira do PP chama 'gilipollas' ao portavoz do BNG

Concello de Ponteareas (Foto: Nós Diario).
En concreto, foi a responsábel de Sanidade, Raquel Plana, a que se viu envolvida nesta polémica, despois das críticas vertidas polos nacionalistas cara á súa xestión.

O pleno do Concello de Ponteareas (O Condado) sufriu esta segunda feira unha rifa na sesión despois de que unha concelleira do PP chamase 'gilipollas' ao voceiro do BNG, Miguel Bouzó. En concreto, foi a responsábel de Sanidade, Raquel Plana, a que se viu envolvida nesta polémica, despois das críticas vertidas polos nacionalistas cara á súa xestión.

Na súa intervención, Bouzó culpou Plana do "caos" que vive o centro de saúde da localidade e vinculouna coa decisión do Goberno municipal de ceder terreos á Xunta da Galiza para a construción dun novo centro médico público "en fronte da clínica privada directamente relacionada con ela".

Ante isto, a alcaldesa, Nava Castro (PP), pediu ao nacionalista que retirase esas palabras xa que insultaban á concelleira. Con todo, a propia Raquel Plana alzou a voz chamando "impresentábel" a Bouzó.

"Ti e eu ímonos a ver no xulgado"

"Ti e eu ímonos a ver no xulgado, por 'gilipollas' tío. Ou sexa, estou farta de vós, porque sabedes que non é verdade. Estades a venderlle isto ao pobo porque sodes uns manipuladores. Uns manipuladores, porque sabedes que non é certo. É que sodes patéticos, dá vergoña", gritou a concelleira.

Por todo iso, BNG, PSOE e Ponteareas en Común (PEC) convocaron unha rolda de prensa conxunta esta cuarta feira en protesta polos últimos acontecementos, "que se suman a unha longa lista de insultos antidemocráticos, actitudes e boicot do Goberno ao labor da oposición".