O rolete do PP pasa por riba das mil emendas que a oposición presentou aos orzamentos

Parlamento de Galicia

A oposición coincide en criticar a actitude dun PP afastado do diálogo.

Mil emendas parciais presentou a oposición ao proxecto de orzamentos do goberno galego e mil emendas botou abaixo o PP co rolete da súa maioría absoluta. Sen marxe para o diálogo nin para admitir ou asumir ningunha das propostas feitas polo BNG, En Marea ou PSdeG. Os orzamentos do PP sairán, en principio, tal cal se presentaron, sen permitir calquera achega ou formulación de mellora.

A mediados de xaneiro o Partido Popular xa fixera uso do rolete para botar abaixo as emendas de devolución dos orzamentos presentadas por BNG, En Marea e PSdeG. Contra a maioría absoluta dos populares de pouco valeu (cuantitativamente falando) que entre as forzas da oposición se apoiasen unhas a outras á hora de votar esas emendas. O PP anunciara rolete e houbo rolete.  A mesma actitude tiveron os populares a respecto das emendas ao estado de gasto e acompañamento, por volta de mil e que propoñían reorientar uns dous mil millóns de euros.

Esta actitude amosa para Ana Pontón (BNG), que Feijóo ofrece unha cara pola mañá (“a do diálogo”) e pola tarde bota man da maioría absoluta e “non é quen de aceptar nin unha soa emenda”. A portavoz nacionalista lamenta que o PP teime nunhas contas que amosan un goberno “sen ideas novas, esgotado”. Luis Villares (En Marea) criticou Núñez Feijóo por facer “moito brinde ao sol” nas comparecencias públicas para, finalmente, rexeitar calquera proposta que non sexa dos seus. Fernández Leiceaga (PSdeG), de por parte, considera que esta actitude de aplicar a maioría absoluta para rexeitar as propostas da oposición “dá medida do talante político” de Núñez Feijóo.

Porén, Pedro Puy (PP), defendeu que se fixera un esforzo de diálogo e aproximación coas forzas da oposición. 

As propostas

Desde o BNG rexistráronse máis de 300 emendas, ás que hai que sumar as perto de 60 a 2 anexos. Os nacionalistas propoñían reorientar uns 900 millóns de euros para que se destinasen a política social, emprego ou servizos públicos. O plan retorna (para favorecer a volta dos mozos que tiveron que emigrar) ou o resgate do Hospital Álvaro Cunqueiro, eran algunhass das propostas, así como establecer un plan galego contra a violencia de xénero, que se dote economicamente.

Un cento de emendas foron as presentadas por En Marea ao documento de Orzamentos 2017. Afectaban uns cincocentos millóns de euros. O grupo parlamentar de Luis Villares poñía sobre a mesa propostas como a de destinar 15 millóns de euros a un plan de emerxencia contra a precariedade laboral, ou ben destinar ao ensino público cartos que se dirixen a concertos coa privada, algo que tamén propoñen facer na sanidade.

O PSdeG rexistrara 600 emendas. Uns 600 millóns de euros os que coas mesmas queren reorientar a campos como o emprego, o I+D ou recuperar servizos públicos. Piden incrementar os ingresos ao tempo que reducir os gastos. A respecto deste último aposta en reducir salarios de altos cargos e publicidade.