Rotas as conversas na Coruña ao se negar o PSOE a asumir as condicións da asemblea da Marea

Imaxe dun dos contactos tidos entre a Marea e o PSOE

A Coruña abócase definitivamente a unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos para 2017. Esta mañá racharon as conversas PSOE-Marea porque o grupo socialista quería limitar o acordo ás contas, isto é, non asumía as condicións marcadas para o acordo pola asemblea da confluencia.

A última conversa produciuse esta sexta feira de mañá, mais non houbo acordo. En realidade, a sorte estaba botada desde esta quinta feira, cando o PSOE, nunha reunión entre o seu grupo municipal e a súa xestora, acordaron limitar o alcance dun eventual pacto ás contas do concello. A Marea quería máis, quería un compromiso dos socialistas noutras materias, como o proxecto da área metropolitana e o futuro da fachada marítima da cidade, ameazada de privatización polos planos da Autoridade Portuaria. O PSOE non deu opción a falar destes asuntos -queríano cinxir todo aos orzamentos- e aí acabou todo.

En último termo ficou demostrado que o asunto Mar Barcón -o veto sobre a concelleira do PSOE que a asemblea da Marea Atlántica, A Rede, levantou o pasado 1F- non era a chave das conversas. O grupo municipal socialista non parece interesado en dotar de estabilidade o goberno local, que só dispón de 10 concelleiras e concelleiros nun pleno de 27. Esa soidade vaise ver reflectida con toda seguranza no pleno deste sábado (12.30 horas) en que se substanciará o debate da cuestión de confianza.

Se non prosperar a cuestión de confianza neste primeiro asalto, ábrese un prazo dun mes en que a oposición ten de formular unha moción de censura con candidata ou candidato alternativo. De non o facer, a confianza entenderíase por outorgada e os orzamentos ficarían automaticamente aprobados.