Axenda de actos para este 25X

Un roteiro para o Día da Patria

Xente moza a celebrar un recente Día da Patria

O Día da Patria Galega é ante todo o movimento dun sector relevante da sociedade galega a prol dos direitos nacionais da Galiza. Exprésase de distintas formas. A máis masiva é a marcha que convoca cada ano o Bloque Nacionalista Galego para partir ás 12 horas da Alameda compostelá rumo á Praza da Quintana. O BNG, segundo soubo Sermos, porá a énfase nesta marcha nun apelo á sociedade "para construír un novo proxecto de país". Non é a única manifestación programada para o 25X. Causa Galiza tamén chama a andar as rúas da capital da nación cunha palabra de orde nidiamente independentista. O resto de forzas optan por formatos menos mobilizadores das súas bases sociais.

A organización coa maior capacidade de mobilización de todas as que conforman o espazo do soberanismo galego é, sen dúbida, o BNG e este 25 a súa marcha voltará a ser un imán para millares de persoas vindas de todo país. O lema co que o Bloque convoca a súa manifestación é "Galiza, a nación que compartimos" e, desta volta, o chamado non é só vía o tradicional cartaz. Tamén hai un apelo musical, ao que poñen voz dúas das figuras de maior destaque dos palcos do país, Alonso Caxade e Xosé Luís Rivas 'Mini', dueto até agora inédito que se estrea con Estarmos todas canda ti.

 

O BNG non quer un remake rotineiro de 25X anteriores e, portanto, formulará un discurso de claro impulso renovador. Un novo BNG coas portas abertas a novas incorporacións, non só de colectivos (como a recente da FOGA), senón de persoas a título individual. "Estamos nun bon momento. Iso estase a ver no número de altas e na ilusión que hai no conxunto da organización. Como di Ana [Pontón], vamos a por todas", afirman a Sermos desde a dirección da formación nacionalista.

 

A marcha do BNG dará comezo por volta das 12 horas desde a Alameda compostelá e percorrerá o casco vello da capital galega até chegar á Praza da Quintana, espazo en que mitineará por segundo ano consecutivo a portavoz nacional da organización, Ana Pontón.

 

Non será a única manifestación do 25X. Causa Galiza, após deixar atrás a súa ilegalización, convoca unha marcha a partir das 12.30 tamén desde Alameda. A organización independentista e socialista aposta na independencia nacional do país como única solución aos seus problemas ao considerar ilusoria calquera perspectiva de democratización do Estado español. Nese sentido, Joam Peres, un dos seus referentes, ten declarado a Sermos: “Un segundo ciclo de autonomismo sería un suicidio para o país”.

 

Até aquí as convocatorias mobilizadoras. As outras forzas políticas optan por formatos de menor arroupamento social e, portanto, é previsíbel que atraian continxentes ben menos numerosos de simpatizantes e/ou militantes (ou persoas inscritas por empregar a xiria da nova política). Particular destaque merece a este respeito o conglomerado de forzas que cohabitan en En Marea. Aquí a convocatoria é plural: organizan actos a propia En Marea -por vez primeira desde que existe, en 2016 aínda estaba a se constituír formalmente- e tamén o fan Anova e Esquerda Unida.

 

O roteiro de actos para este 25, guieiro para non se perder ficaría así:

 

  • Manifestacións

 

12 horas. Marcha do Bloque Nacionalista Galego sob a lenda de "Galiza, a nación que compartimos". Da Alameda á Quintana. Á conclusión, xantar de confraternización na Carballeira de Santa Susana e Festigal.

12.30 horas. Marcha de Causa Galiza. Da Alameda ao Toural.

 

  • Actos políticos

 

11 horas. Compromiso por Galicia fai unha oferenda floral no Panteón de Galegos Ilustres. Ás 13.30, acto político no Parque Euxenio Granell.

 

11.30 horas. Encontro político de En Marea e xantar de confraternización sob o lema de "A Galicia que queremos". No Parque de Vista Alegre, en Compostela. 

 

12.15. Homenaxe de Esquerda Unida ao alcalde de Mugardos Juan Prieto Balsa, militante do PCE asasinado polos fascistas en 1936. Praza do Concello, en Mugardos. Acto convocado baixo o lema de "Unha nación con memoria". 

 

12 horas. Oferenda floral do PSOE a Castelao en Rianxo. 

 

12 horas. Acto político de Agora Galiza na Praza 8 de Marzo, en Compostela. Á conclusión, xantar de confraternización no Parque de San Domingos de Bonaval. Con Carlos Morais.

 

13.30 horas. Romaría de Anova nas Galeras, en Compostela.

 

Canto ao PP, a formación conservadora comemorou o Día de Galicia o pasado 21 de xullo en Vilalba cunha homenaxe a quen teñen como refererente galeguista, o presidente fundador do partido e ex titular da Xunta, Manuel Fraga Iribarne.