18-F

Rubén Cela dirixirá a campaña do BNG ao 18-F: "A chave está en lograr a participación de quen queira cambio"

Rubén Cela, Ana Pontón, Goretti Sanmartín e Olalla Rodil (Foto: Nós Diario)
O sábado principia o proceso asembleario para a elaboración das candidaturas.

A Executiva Nacional do BNG, en reunión extraordinaria, aprobou onte o deseño global de campaña para o 18 de febreiro que estará coordinada por Rubén Cela. A elaboración do programa electoral é coordinado por Olalla Rodil e Luís Bará, “parlamentarios de ampla traxectoria e experiencia”. Na dirección de campaña, canda Cela estará a responsábel de organización, Lucía López.

A campaña, explicou Cela, “será intensa, en positivo e ilusionante, desde a confianza de que o cambio é posíbel e terá como obxectivo central a mobilización da sociedade porque a chave está en lograr a participación de todas as persoas que queren cambio”.

Xusto o contrario do que persegue o PP, indicou, “que non quere unha sociedade galega mobilizada e por iso non é casual que convocase facendo coincidir unha parte da precampaña coas vacacións do Nadal e unha parte da propia campaña coas festas do entroido”, alegou.

Porén, augura o fracaso desa estratexia do PP porque avanza que vai haber unha gran mobilización social. “Sempre é positiva a participación e , ademais, se todas as persoas que queren cambio se mobilizan o 18-F ese cambio será imparábel”, alegou Cela, facendo un chamamento a “concentrar” o voto do cambio en Ana Pontón.

“Encaramos este proceso co máximo entusiasmo, convencidos de que vai darse un resultado histórico que dará a Galiza a primeira presidenta dun Goberno pensado por e para a Galiza, sen ataduras e ao servizo da sociedade galega”, subliñou, e augurou que esta será “a campaña máis intensa, deixando claro que o cambio non só é posíbel senón necesario”.

Dentro do proceso electoral, a formación nacionalista realiza este sábado o Consello Nacional para pór en marcha a elaboración das candidaturas, “nun proceso aberto, desde a base, coa participación de toda a militancia a través das asembleas comarcais, democrático e transparente”, pois " no BNG nunca tivo cabida a dedocracia”, sintetizou Rubén Cela.