Rubén Cela e Goretti Sanmartín, números 1 e 2 do BNG para as municipais en Compostela

Rubén Cela

Catro persoas independentes no primeiro tramo da proposta de candidatura nacionalista para a capital de Galiza.

 

Rubén Cela encabezará a candidatura do BNG en Compostela nas eleccións municipais após recibir o apoio do 97% das persoas participantes na Asemblea Aberta realizada esta quinta feira na capital de Galiza. Goretti Sanmartín será a número 2 e Rafa Vilar ocupará o terceiro posto na listaxe, que este sábado - como a do resto de cidades e vilas de relenacia – será ratificada no Consello Nacional do BNG. Na candidatura figuran persoas implicadas no movemento veciñal compostelá, no eido cultural, no compromiso feminista e ambientalista. No primeiro tramo van catro persoas non militantes da fronte nacionalista, que concorrerá a esta cita coas urnas como BNG-Asembleas Abertas.

Rubén Cela afirmou asumir con ilusión esta encomenda e comprometeuse a ofrecer diálogo, "en contacto coa cidadanía e cos demais grupos; transparencia, para acabar coas prácticas escurantistas do actual Goberno local do PP; e cohesión para aplicar un modelo de cidade con idea de país".

Proposta de candidatura

1. Rubén Cela. licenciado en Economía e actual portavoz municipal

2. Goretti Sanmartín, doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa e activista do movemento feminista e integrante da Executiva do BNG.

3. Rafa Vilar. escritor e traballador na CIG, ademais de concelleiro

4. Concha de la Fuente. ex-presidenta da asociación veciñal “A Xuntanza” de San Pedro e traballadora da Radio Galega

5. Lois Calvelo, ex-presidente da asociación veciñal do Castiñeiriño e activista do movemento veciñal

6. Pilar Lueiro, profesora de galego e traballadora no grupo municipal

7. Odilo González, enxeñeiro informático e membro de Suevia Fútbol gaélico

8. Marta Domínguez, traballadora dunha planta de reciclaxe e activista da Plataforma de afectados/as polas participacións preferentes

9. Xosé Luis Mouriño, músico e artesán de instrumentos tradicionais

10. Lucía Carreira, presidenta da Asociación Cultural-Musical Solfa e ex-presidenta da Federación Galega de Bandas de Música Populares.