Rueda anuncia a creación dunha comercializadora eléctrica que o BNG cualifica "puro marketing”

Alfonso Rueda cos seus conselleiros e conselleiras ao remate do retiro do Goberno galego en Sober. (Foto: Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou a creación dunha comercializadora eléctrica de capital maiormente público que permita "abaratar e descarbonizar o consumo de enerxía na Galiza".

 

Rueda indicou que a compañía  terá como obxectivo vender enerxía "100% renovábel, de maneira estábel”, a un "prezo sensibelmente máis barato". Na mesma dirección, indicou que agarda "que sexa unha realidade a principios de 2025".

A empresa estará ligada a sociedade Recursos da Galiza, unha empresa participada por 33 empresas compañías onde o Goberno galego posúe 30% do capital.

"Queremos que preste servizo a sectores estratéxicos da economía galega e tamén aos veciños que vivan preto dos lugares nos que haxa proxectos de xeración de enerxía que esta compañía vai comercializar", indicou Rueda na rolda de prensa posterior ao retiro do Goberno galego en Sober, na comarca de Lemos.

A creación desta empresa, que se denominará 'RDG Comercializadora de enerxía galega', proponse nun momento de forte contestación social aos proxectos eólicos impulsados desde o Goberno galego.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) cualificou o anuncio de "puro marketing”, que “carece de credibilidade porque o PP opúxose sistematicamente á empresa pública de enerxía que propón o BNG desde hai anos”.

‘Cortina de fume’

"O que vemos con este anuncio é unha vez máis unha cortina de fume, puro marketing e pura propaganda”, asegurou a deputada nacionalista, Olalla Rodil, quen apuntou “que realmente non vai beneficiar en absoluto os galegos e as galegas".

"Unha vez máis é un intento por esconder e por tapar o que o PP leva anos traballando para o lobby das eléctricas", engadiu Rodial, quen acusou ao PP de utilizar “os Consellos da Xunta para beneficiar ás súas empresas amigas".

Rodil lembrou que a posta en marcha dunha empresa 100 % pública encargada da xestión dos recursos de produción enerxética de Galiza e a creación dunha tarifa eléctrica galega foron as dúas primeiras iniciativas rexistradas nesta lexislatura polo BNG.