Rueda e Besteiro manterán hoxe a súa primeira reunión oficial

Besteiro, Miñóns e Rueda durante a toma de posesión de Gómez Besteiro como delegado do Goberno español na Galiza (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Será un encontro no edificio administrativo de San Caetano, en Compostela, a partir das 17.30 horas, e tras a petición formal feita polo novo representante do Executivo estatal no país.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, citou para esta terza feira, día 2, o novo delegado do Goberno español na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, a unha reunión para abordar “asuntos de interese” para ambas as Administracións.

Será un encontro no edificio administrativo de San Caetano, en Compostela, a partir das 17.30 horas, e tras a petición formal feita polo novo representante do Executivo estatal no país.

Este será o primeiro encontro institucional entre os dous dirixentes despois de que o que fora no seu día líder do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo tomase as rendas da Delegación do Goberno español das mans de José Miñóns, tras ser nomeado este ministro de Sanidade.

Besteiro e Rueda xa tiveron a oportunidade de manter varias conversas -o presidente acudiu á toma de posesión do novo delegado do Goberno e coincidiron noutros eventos, entre eles as procesións de Semana Santa-, pero aínda non se produciu un encontro institucional entre ambos.

O socialista asegurara que estaba ao dispor de reunirse, mentres que a Xunta transmitiu que a petición debería partir do novo cargo do Goberno.

Candidatura á Xunta

Co regreso de Besteiro á primeira liña política galega, chegaron tamén as especulacións sobre o futuro candidato socialista á Xunta.

Neste escenario, os cargos populares, con Rueda á fronte, non desaproveitaron a oportunidade para suxerir que os socialistas poderían estar a empregar cargos públicos para "solucionar problemas internos", e o presidente galego instouno a “centrarse na defensa dos intereses da cidadanía” da Galiza.

Se isto ocorre, dixo, a "colaboración" por parte do Executivo galego está garantida. Unha cooperación que tamén ofreceu e garantiu o novo titular da Delegación do Goberno estatal.