Rueda carga contra o BNG a quen acusa de ser ‘os do non a todo’

Elena Candia, Alfonso Rueda, Paula Prado e Francisco Millán no mitin do PP en Lugo. (Foto: PP)

Alfonso Rueda reclamou en Lugo o voto ao Partido Popular para validar a súa acción de goberno que contrapuxo ao modelo defendido polos nacionalistas e polos socialistas.

O presidente dos populares galegos chamou a votar a súa formación para construír unha Galiza “que é pioneira en políticas de vivenda e educación fronte ao modelo dos que din unha cousa en campaña e logo fan a contraria, os do non a todo.

O mandatario galego volveu situar ao BNG no centro das súas críticas. Neste ocasión, reclamou á cidadanía que “non se deixe enganar por un nacionalismo que está intentando ocultar que o seu único obxectivo é que a voz de Galiza en Europa sexa a dos independentistas cataláns”.

"Podemos evitar todo isto dando a nosa resposta nas urnas", asegurou Rueda, quen demandou o voto para Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez que “defenderán a Galiza en Europa”.

O xefe do Goberno galego estivo acompañado no acto pola presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, quen indicou que "as eleccións europeas en Lugo deben ser unha resposta aos agravios do Goberno de Sánchez ".

Candia apuntou que "Lugo é a única provincia e capital de provincia galega que queda fóra da alta velocidade ferroviaria pola negativa do Goberno de Sánchez a construír as variantes proxectadas por un Goberno do Partido Popular".

Elena Candia

A responsábel dos populares lugueses criticou o "mal estado das infraestruturas viarias de titularidade estatal que sufrimos todos lucenses a diario".

A dirixente popular denunciou “a falta de implicación do Goberno de Sánchez para o mantemento do emprego”. en Alcoa. Neste sentido, criticou que o Executivo do Estado “non aclare se está disposto a unha intervención pública instrumental e temporal para buscar un comprador solvente, como si fixo con outras industrias estratéxicas a través da SEPI".

"Prometeran moitas cousas, pero o certo é que o Executivo estatal segue sen promover instrumentos públicos de apoio”, afirmou a presidenta dos populares lugueses en relación coa situación da factoría de Alcoa da Mariña.

Candia cargou, tamén, contra o BNG que “se presenta en coalición cos independentistas vascos e cataláns e se alía cos verdes en Europa que, entre outras cousas, prohibiron a pesca de arrastre no Atlántico Norte prexudicando gravemente á flota mariñá".