18-F

Rueda dá por segura a maioría absoluta con 38 escanos: "Celebraremos o que veña a maiores"

O presidente da Xunta e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, nun acto recente do seu partido. (Foto: Europa Press)

O candidato do PP, que ve fóra do Parlamento a Vox e DO, presume do traballo da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta e confía en que o voto emigrante sexa maioritariamente para el.

O presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, rexeitou esta sexta feira "fixar metas" numéricas para as eleccións do próximo domingo, 18 de febreiro, aínda que deu por segura a maioría absoluta no Parlamento galego, situada nos 38 escanos. "Imos falar de 38 e todo o que veña a maiores celebrarémolo", respondeu o líder popular, nunha entrevista concedida hoxe a esRadio.

"Todos temos claro que ou 38 ou nada", insistiu Rueda, que dixo que traballa para obter un resultado "máis próximo ao que houbo hai catro anos", cos 42 deputados e deputadas obtidas polo agora presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, nunhas "circunstancias moi difíciles" como foi a pandemia do 2020. Alfonso Rueda apuntou que "a maioría das enquisas coinciden nun chan de 39" actas, e "mesmo algunhas falan de 40". Todas "excepto o CIS", apuntou, aludindo a que nos seus últimos barómetros electorais deslizou a posibilidade de que o PP perdese a absoluta.

A este respecto, o mandatario galego cre que se este organismo estatal publica máis enquisas porá os populares "cada vez en peor situación". "Pero xa sabemos de que vai iso e a credibilidade que ten", engadiu. Con todo, non se quere "obsesionar" coas enquisas, porque o seu obxectivo principal é ter eses 38 para seguir gobernando. Neste contexto, aínda que ve "sólido" ese chan, apelou a non confiarse e a mobilizar ao seu electorado, porque "en calquera momento as circunstancias poden cambiar" cos últimos días de campaña.

Vox e DO, "fóra"

Na mesma entrevista en esRadio, Rueda afirmou que Vox non vai obter representación no Parlamento galego, algo no que todas as enquisas coinciden. "Por tanto, calquera voto que vaia a Vox estou seguro de que o celebrarán moito nas sedes da esquerda, especialmente na do BNG", proseguiu.

E vaticinou o mesmo, aínda que con reservas, con respecto a Democracia Ourensá, o partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, que tamén cre que vai  quedar fóra do Pazo do Hórreo, aínda que recoñeceu que é "un fenómeno moi local" e que se fai "difícil" predicir o seu rendemento nunhas eleccións galegas. En calquera caso, confía en que o partido de Xácome "non sirva, nin moitísimo menos, para condicional o goberno da Xunta". "Por iso é tan importante ter 38 e non depender de ninguén", insistiu.

O voto emigrante

Alfonso Rueda tamén falou da importancia do medio millón de galegos e galegas resdientes no exterior que poden exercer o seu dereito a voto, agora xa sen ter que 'rogalo' previamente. Cre que a emigración "vai responder" e apoiará maioritariamente o PP. Para iso, o presidente confía na relación "moi fluída" que mantén a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta, que organiza "moitísimas iniciativas con eles", como a estratexia 'Retorna', que favorece a volta de descendentes de galegos á Galiza e que "está a ter un éxito enorme".

"A relación é moi estreita e eu creo que son moi conscientes dos esforzos que fai a Xunta e de como se transformou Galiza desde que eles saíron. E creo que vai ser un voto que nos vai a sorprender favorabelmente, desde logo, e para iso estamos a traballar tamén", subliñou.