Eleccións Europeas 9-X

Rueda di que Feixoo "volve gañar"

Millán Mon, Rueda, Prado e Vázquez na noite electoral do 9 de xuño (Foto: Europa Press)

O presidente do PP galego salienta que estas son as terceiras eleccións nas que o seu xefe de filas "volve gañar".

O presidente da Xunta da Galiza e do PP galego, Alfonso Rueda, reivindicou na noite electoral deste 9 de xuño que, “tras gañar as eleccións municipais de maio do pasado ano”, os comicios estatais posteriores e de vencer "abrumadoramente" nas galegas do pasado 18 de febreiro, o PP obtivo nestas eleccións europeas unha cuarta vitoria clara.

Na súa comparecencia tras o escrutinio, Rueda defendeu que esta é "unha noite de enorme alegría" para o PP galego, e deu as grazas a quen se implicou no proceso, entre eles aos interventores e apoderados populares e do resto de partidos. Con 43,6% dos votos, subliñou que os populares foron os máis votados en 303 dos 313 municipios da Galiza. Con todo, unha desas prazas onde o PP non logra a primeira posición é a cidade máis poboada da Galiza, cuns 300.000 habitantes, onde o PSdeG quedou primeiro nestes comicios europeos após facelo o BNG nas pasadas eleccións galegas.

"Gañamos con case 500.000 votos, case 200.000 máis que o PSOE. E o PP obtén máis votos que sumando os de PSOE e o BNG xuntos. Nestas eleccións, que se preguntaban moitas cousas, os galegos deron a súa opinión con toda claridade. Somos galegos, españois e europeos e todo iso se xunta no apoio ao PP galego", reivindicou.

Así, proclamou o seu "orgullo" de presidir unha formación que sitúa Galiza como unha das tres comunidades nas que os populares obteñen "un maior apoio". “Ourense e Lugo son as dúas provincias de España nas que o PP obtén uns mellores resultados: a primeira e a segunda, respectivamente”, afirmou. Tamén é onde Vox e se acabó la fiesta ten resultados máis baixos.

En clave estatal, nun escenario no que esta cita coas urnas para o Parlamento Europeo foi identificada polos conservadores como unha extensión da pugna directa entre o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, Rueda salientou que estas son tamén as terceiras eleccións nas que o seu xefe de filas "volve gañar".

Felicita Millán Mon e Adrián Vázquez

Por último, Rueda felicitou aos dous deputados electos vinculados con Galiza: o pontevedrés Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez (ex lider de Ciudadanos), cuxos pais son orixinarios da comarca do Deza, explicou.

A ambos lles deu os parabéns por facer "unha gran campaña", dialogando cos distintos colectivos e sectores, e escoitando as súas demandas.

"Seredes a voz de Galiza no Parlamento Europeo e faremos o posíbel para que a voz de Galiza sexa a que máis se escoite en Europa", prometeu, antes de soster que os populares seguirán traballando para defender os intereses dos galegos.