Rueda fica só rexeitando unha quita da débeda galega de até 2.479 millóns

Alfonso Rueda, Ana Pontón e Gómez Besteiro esta cuarta na sesión de control no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)__
O sistema de financiamento marca a actualidade política na Galiza e no Estado. Mentres as diversas autonomías toman posición no debate, o presidente galego continúa ancorado na alternativa do PP. Esta cuarta feira nacionalistas e socialistas reclamáronlle antepor os intereses da Galiza aos do seu partido.

A sesión de control ao presidente da Xunta da Galiza  desenvolvida esta cuarta feira no Parlamento evidenciou a soidade do Partido Popular en materia de financiamento. Mentres o mandatario galego, Alfonso Rueda, limitouse a repetir a liña argumental deseñada pola súa formación a nivel de Estado e rexeitar unha quita que permitiría reducir a débeda pública galega entre 462 millóns de euros e 2.479 millóns,

en función do acordo de investidura de Pedro Sánchez que o BNG firmou co PSOE e que abre a porta a reducir en 20% a débeda galega, fixada en 12.397 millóns de euros.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou o PP por “triplicar” a débeda pública galega desde 2009 e indicoulle a Rueda que “o custo da débeda, despois da educación e a sanidade, é a terceira partida de gasto dos orzamentos galegos, superando o que se inviste en dependencia, en investigación ou en vivenda”. Neste sentido, lembroulle ao mandatario galego ter apoiado hai un ano no Parlamento unha iniciativa do BNG para reclamar unha condonación da débeda para Galiza.

“Votou a favor, pero que pasou? Que chegou o señor Feixoo e mandou parar”, espetou Pontón a Rueda, a quen reclamou que “aclare por que non quere ter máis cartos para sanidade, para educación ou para dependencia, porque a quita da débeda significa máis dispoñibilidade orzamentaria”. Nesta dirección, insistiu a voceira nacionalista, “ten que explicar de que lado está, no dos galegos e das galegas ou no do señor Feixoo”.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cargou contra Rueda por rexeitar a quita da débeda galega. Nesta liña, reprochou ao mandatario galego: “Afirmou vostede que esa condonación de 2.500 millóns de euros non é suficiente. Podería ter sido máis, pero vostedes preferiron endebedarse con bancos privados no canto de facelo co Fondo de Liquidez Autonómico (FLA), por tanto, con intereses máis altos e condicións máis gravosas para Galiza”.

“Por que vostede non quere que a Galiza se lle condone a débeda”, preguntou Besteiro a Rueda, tras acusalo de, "en vez de defender os intereses da Galiza, centrarse en defender os intereses do Partido Popular e de Núñez Feixoo”. Nesta orientación, o dirixente socialista asegurou que “entre Galiza e o PP, vostede sempre escolle o PP”.

Alfonso Rueda reiterou nas súas respostas a Pontón e Besteiro que “a quita da débeda é un negocio ruinoso para Galiza”. Neste sentido, defendeu a súa posición argumentando que “nom acepto a quita, porque é un intercambio de débeda entre aquelas comunidades con menos débeda e aquelas con máis débeda”. Na mesma liña, argumentou que a débeda “mutualízase” pero “non desaparece”, polo que a quita acordada polo Goberno do Estado e defendida por nacionalistas e socialistas incrementaría a débeda galega.

"Menos mal, sinceramente, que os galegos falaron no mes de febreiro”, contestou Rueda a Pontón, “e que vostede como presidenta dun Goberno na sombra, conselleira de Facenda ou como xefa de servizos financeiros de Pontón Sociedade Limitada non é nin máis nin menos que unha fantasía para o Bloque. Menos mal para Galiza", afirmou.

O modelo de financiamento

O debate sobre a quita da débeda galega deuse nunha discusión máis ampla sobre o modelo de financiamento. Na mesma, Rueda non concretou ningunha alternativa referida á Galiza, limitándose a defender un novo sistema que xurda da negociación multilateral entre todas as comunidades autónomas e a rexeitar a proposta acordada entre os socialistas e ERC para que Catalunya saia do réxime común e recade a totalidade dos seus tributos. 

"Van apoiar aquí que un territorio siga restando aos demais porque teña a capacidade de facer chantaxe ao presidente máis chantaxeábel da historia da democracia", preguntoulle Rueda a Gómez Besteiro, após criticar ao PSdeG “por ser o partido máis submiso, que vai apoiar todo o que diga o PSOE”.

O líder dos socialistas cuestionou “a fiabilidade” das cifras de Rueda sobre o financiamento, tras lembrarlle que “na súa xira mediática galaico-madrileña, primeiro di que perderemos 440 millóns de euros, ao día seguinte 450, e hoxe son 500 ou 700”. 

"Quere vostede falar en serio de financiamento, ou prefire seguir esquivando as súas responsabilidades coa Galiza señor Rueda?", interpelou Besteiro, que acusou Rueda de carecer de proposta nesta materia.

Pontón defendeu un réxime de concerto para á Galiza e apostou por “termos a chave dos nosos cartos como xa ten Euskadi e como vai ter Catalunya”, e culpou Alfonso Rueda de  que “a única nación histórica que non vai ter ese status sexa Galiza”.  

“Por entregarse ao egoísmo do centralismo madrileño vai facer que a Galiza quede como comunidade de segunda”, espetou a líder da oposición, Ana Pontón, a Rueda para indicar que “vivimos do noso traballo e temos capacidade para poder xestionar os nosos recursos, non nos pagan a sanidade e a educación desde Madrid, pagámolas cos impostos deste país”. 


A banca expatriou 34.675 millóns de aforro galego no ano 2024

As entidades bancarias con actividade na Galiza expatriaron un total de 34.675 millóns no segundo trimestre de 2024. As cifras que vén de publicar o Boletín Estatístico do Banco de España sinalan que a drenaxe do aforro galego marcou máximos históricos no pasado exercicio. A contía supera en 1.340 millóns de euros o aforro galego succionado pola operativa do sistema financeiro en 2023 

Os depósitos custodiados polos operadores financeiros con presenza no país alcanzaron en xuño de 2024 unha contía de 82.531 millóns. Neste caso, 78.131 millóns corresponden con aforros de persoas físicas e xurídicas e 4.401 millóns con diñeiro das diferentes administracións custodiado polas entidades de crédito. Os depósitos galegos representaron 5,1% do total estatal, unha contía descoñecida até o de agora na serie histórica.

O crédito fornecido na Galiza polas entidades financeiras durante o ano 2023 ficou en 47.856 millóns, destinándose 6 959 millóns a financiar a débeda do sector público e 40.897 a facer fronte a peticións de empresas e particulares. Neste sentido, representa 3,9% do total estatal e sitúase 2,8 puntos por baixo da media, ficando moi lonxe de Madrid, que lidera esta variábel, con 29,5% do total do crédito.