Rueda inaugura curso electoral cun anuncio de bonos para escolares
O presidente da Xunta da Galiza e líder do PP galego, Alfonso Rueda, protagonizou esta segunda feira no Consello da Cultura un acto con todos os seus conselleiros e altos cargos do Goberno nunha representación simbólica dun arranque de curso que, a falta de concretar data, desembocará nas próximas eleccións galegas.
Rueda aproveitou o acto para anunciar unha nova medida que se plasmará nos orzamentos de 2024: o impulso dun bono de 120 euros para axudar os escolares de entre 6 e 16 anos que "queiran practicar deporte e estean federados". Segundo cálculos da Xunta, podería ter uns 135.000 beneficiarios.
Anunciou tamén o titular da Xunta que o ano vindeiro non haberá subidas de peaxes nas autoestradas de titularidade galega nin tampouco haberá "novas peaxes", mentres que "se dará impulso a autovías moi importantes".
"Non conformarse"
Rueda, que compareceu acompañado de todos os membros do seu Goberno, deixou unha mensaxe clara aos seus: "Non hai que conformarse, o que se conforme non pode estar aquí".