Consello da Xunta

Rueda quere suplir agora a falta de persoal médico en Primaria con profesionais de vacacións en réxime voluntario

Alfonso Rueda na comparecencia posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina).
O Consello da Xunta aprobou o denominado Plan de cobertura de necesidades de persoal médico en Atención Primaria para período estival, cando unha parte dos profesionais xa comezaron as súas vacacións e se incrementan as vacantes nos centros de saúde

 

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, anunciou que o plan está destinado “a contratar persoal médico para substituír os que están de vacacións, contratar facultativos adicionais e reforzar os centros das zonas con maior afluencia nesta época do ano”. Porén, o mandatario galego non concretou o número de profesionais que ten pensado incorporar o Goberno galego á rede de Atención Primaria nin o número de baixas vacacionais que se cubrirán con esta medida.

Rueda limitouse a expor as propostas avanzadas nas últimas semanas polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Así, entre outras, sinalou “ un programa extraordinario para a cobertura de necesidades de médicos de familia nos PAC”, a incorporación aos centros de saúde “de persoal no seu cuarto ano de formación” e “unha oferta de mobilidade temporal e voluntaria a centros que precisen reforzos prioritarios”, que implica, entre outras cuestións, ocupar en determinados centros de saúde persoal médico voluntario de vacacións, medida que se tentou o ano pasado con escaso éxito.

Oferta MIR

A Xunta da Galiza aprobou, tamén, no seu Consello  a súa oferta de prazas de formación sanitaria para o exercicio 2024/2025. Na mesma recóllense, 657 prazas, das cales 505 son de Medicina, e 234 das mesmas de especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Precisamente, no período 2023/2024 ficaron sen cubrir 63 prazas MIR de Medicina en Atención Primaria, amortizándose en 2023, último ano con cifras, 39 prazas de facultativo e permanecendo vacantes con carácter estrutural 243 en toda a rede galega de Atención Primaria. 

Aliás, o Consello da Xunta deu o seu visto bo ao Plan FPGal360 de orientación profesional integral. Segundo Rueda, o seu obxectivo é “conseguir que 100% das rapazas e dos rapaces galegos sigan formándose até, polo menos, facer os 18 anos e atraer de novo ao sistema educativo persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen”.Neste sentido, manifestou “a vontade do Goberno galego de  reducir o abandono escolar”.

Rueda avanzou a aprobación do segundo Plan integrado de enerxía e clima. A este respecto, asegurou que “busca alcanzar a neutralidade climática” e “adaptar as emisións do sector primario aos novos requisitos” fixados pola Unión Europea. Neste sentido, significou que “Galiza situouse no período 2019/2023 á cabeza do Estado na redución das emisións contaminantes”, logrando baixalas en 60%.

O mandatario galego anunciou tamén esta segunda feira a incorporación da intelixencia artificial ao Servizo Público de Emprego para “poder facer o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano” e “mellorar as súas oportunidades e inserción laboral”. Nesta dirección, apuntou que “o obxectivo é casar oferta con demanda no ámbito laboral para poder cubrir os 15.000 postos de traballo que hai vacantes na Galiza” e “facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións”.

A Xunta disponse a achegar fondos do seu orzamento para Altri

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal  a relación de galardoados coa Medalla Castelao correspondente á súa edición de 2024, entre os que se atopan a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), o grupo de pandereteiras Leilía, o xogador de squash compostelán Borja Golán, a presidenta da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara (CEAS-Sáhara), Maite Isla, e o empresario hostaleiro e presidente do grupo Hotusa, Amancio López Seijas, amigo íntimo de Mariano Raxoi.

Alfonso Rueda aproveitou o Consello da Xunta para valorar a actualidade política. Nesta dirección, rexeitou a proposta dun modelo de financiamento singular para Catalunya baseado na bilateralidade e apostou por un modelo “multilateral” para “non quebrar a igualdade territorial básica”. Ao tempo, amosou a súa disposición a achegar fondos do orzamento galego ao grupo Altri para favorecer a construción dunha celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa.

Moción a Xácome

Rueda arrefriou a posibilidade dunha moción de censura do Partido Popular contra Gonzalo Pérez Xácome en Ourense e cargou contra o BNG por apostar por “cordóns sanitarios” contra o Partido Popular.