Parlamento

Rueda recrimina ao BNG non reunirse con Feixoo e Pontón ironiza con que apelen a que é galego: "Franco tamén"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, hoxe, no Parlamento. (Fotos: Arxina)
"Resúltame moi rechamante que estean criminalizando ao BNG día si, día non, e estean lamentando que non apoiemos o PP e dicindo que temos que apoiar Feixoo porque é galego. Pero Franco tamén era galego e non o imos apoiar", dixo a líder nacionalista.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, volveu recriminar esta cuarta feira ao BNG, no pleno do Parlamento, que non se reúna co candidato 'popular' á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feixoo, unha cuestión que considerou de "respecto e educación" cara a quen gobernou Galiza case 14 anos e "gañou catro veces por maioría absoluta". "Eu creo que se equivocou, e tiñan unha boa ocasión de pedirlle cousas", afirmou o mandatario galego.

Tamén esta terza feira o vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, culpaba o Bloque de "non" querer "que un galego goberne España". E ante esta nova acusación de Rueda, a líder da formación nacionalista, Ana Pontón, replicou hoxe botando man da ironía: "Resúltame moi rechamante que estean criminalizando ao BNG día si, día non, e estean lamentando que non apoiemos o PP e dicindo que temos que apoiar Feixoo porque é galego. Pero Franco tamén era galego e non o imos apoiar".

Pontón apostilou que hai que "estar en Marte ou ser marciano" para pensar que os nacionalistas galegos darán o seu voto ao Partido Popular, algo que xa desbotara esta terza feira o seu deputado e portavoz no Congreso, Néstor Rego. "Tampouco Putin é galego e vostedes apóiano", contestou, posteriormente, Alfonso Rueda.

Intervención de Alfonso Rueda no pleno do Parlamento desta cuarta feira. (Foto: Europa Press)

As eleccións, no horizonte

Este enfrontamento produciuse no primeiro debate 'cara a cara' do novo período de sesións, no que se abre o último curso político antes das eleccións galegas. E non faltaron referencias a esta cuestión. Mentres Pontón acusou Rueda de estar coa "calculadora electoral" para convocar eleccións "cando lle conveña", dixo, o presidente galego evidenciou que a "calculadora" electoral é o "25 a un" deputados logrados nas urnas nas pasadas eleccións por parte de PP e BNG, respectivamente.

No debate anterior, o presidente da Xunta tamén ironizara con que o PSdeG "non ten candidato" despois de que lles "eliminasen as primarias", ao que o portavoz parlamentario, Luís Álvarez, contestou coa "falta de respecto" que foi ao seu xuízo "levar o debate ao problema que poida ter ou non un partido á hora de definir o seu candidato" no canto de abordar as "dificultades" das familias para adquirir os libros de texto e o material escolar neste inicio do curso.