Rueda rexeitará a 'quita' mesmo que a acepten presidentes do PP

Miguel Corgos e Alfonso Rueda esta segunda feira. (Foto: Arxina)
A oposición critica o presidente por "priorizar" o seu partido sobre Galiza.

O Goberno galego non está disposto a solicitar a "quita" da débeda aínda que así o fagan o resto de presidentes autonómicos do Partido Popular. Un rexeitamento á condonación que esta segunda feira expresaron o mandatario galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, na comparecencia após o Consello da Xunta da Galiza. "Non nos beneficia", manifestou Corgos.   

A 'quita' da débeda non estivo sobre a mesa na xuntanza na pasada sexta feira entre os presidentes galego e español, Alfonso Rueda e Pedro Sánchez. Unha ausencia que o titular da Xunta da Galiza atribuíu a que o mandatario español era coñecedor do rexeitamento polo Goberno galego a acollerse a unha condonación da débeda —posibilidade introducida polo BNG no acordo de investidura co PSOE—. Esta segunda feira, Rueda volveu fechar a porta a calquera posibilidade de aceptar unha "quita". A preguntas de Nós Diario sobre se a Xunta manteríase na mesma posición se no debate da condonación no Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) outros presidentes autonómicos do PP aceptaban a 'quita', Alfonso Rueda afirmou que "a resposta vai ser a mesma".  Dixo que "xa veremos cal é a actitude do resto de comunidades" ante este tema, mais insistiu en que a condonación non é boa opción para a Galiza. "O único que pasaría é que as débedas das comunidades pasarían ser do Estado, ou sexa, de todos", afirmou.

Tamén o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que compareceu canda Rueda tras a reunión semanal do Goberno galego, se manifestou de novo contra a posibilidade de que a Galiza acepte unha 'quita' na débeda. "Non é unha prioridade", dixo. "Non gañamos nada coa condonación da débeda, non nos beneficia", insistiu o conselleiro, que apuntou á necesidade de "actualizar" o modelo de financiamento autonómico, algo que o Goberno galego defende que non se faga nunha negociación bilateral co Goberno español. "Só polo sobrecusto en dispersión, o sistema debería dar á Galiza 600 millóns de euros máis", dixo. Corgos presentou a Conta Xeral da Galiza 2023 dicindo que se cumpriron "obxectivos", ao situar a débeda en 16,1% do PIB e o déficit en 0,18%.

"Servilismo de Rueda"

A viceportavoz primeira no Parlamento, Olalla Rodil, criticou o “servilismo” de Rueda "á estratexia que lle marcan Núñez Feixoo e Díaz Ayuso desde Madrid" ao non aceptar a 'quita' nin a negociación bilateral.

"O resultado de tratar á Galiza coma se fose igual que Madrid, que Catalunya ou que Andalucía, como defende o PP, está asfixiando os servizos públicos de Galiza”, apuntou a nacionalista. Rodil emprazou así a Rueda a explicar os galegos “como pode un presidente da Xunta "negarse a falar co Estado sobre unha cuestión [o sistema de financiamento] que é central para o presente e para o futuro de Galiza".

O BNG, engadiu Rodil, conseguiu negociar unha quita desa débeda que agora o PP “di que non quere. Como se a pagase do seu peto!", proclamou.

Pola súa parte,  o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gomez Besteiro, criticou que Rueda “insista na senda antigalega” ao renunciar á condonación de parte da débeda. Amosou a súa sorpresa por que se mostre “sobrado” de cartos e non queira falar de "financiamento singular" co Goberno do Estado español.