Parlamento

Rueda sitúa como "principal reto" do seu Goberno que Feixoo gañe as eleccións

Alfonso Rueda, Ana Pontón e Luís Álvarez durante a sesión de control ao presidente no Parlamento. (Fotos: Arxina)
O BNG critica que o Executivo galego actúe como "gabinete electoral".

O Goberno galego non ten poucos desafíos e retos por diante. Algúns deles lembroullos a oposición esta cuarta feira ao presidente da Xunta da Galiza durante a sesión de control parlamentaria: deterioro do sistema de benestar, crise demográfica, retroceso na converxencia coa Unión Europea ou a emigración. Para Alfonso Rueda, se ben até final da lexislatura —marcada oficialmente para 2024— o seu Executivo debe afrontar "obxectivos estratéxicos" como, citou, os fondos Next Generation ou dar maior pulo ao turismo —"Galiza está de moda, somos un territorio amábel"—; o "principal reto" que ten é situar Alberto Núñez Feixoo na Presidencia do Estado español. "Acabar co sanchismo na Galiza", respondeu o mandatario a Ana Pontón cando a portavoz nacionalista o instou a abandonar a "submisión" a Génova —sede do PP español— e a traballar polos intereses da Galiza.

A resposta de Rueda evidenciou, para a líder nacionalista, que o Executivo "non é un Goberno galego, é o gabinete electoral de Feixoo". Un Feixoo ao que Pontón emprazou a acudir ao Parlamento galego, que o designou como senador autonómico, para explicar cal foi o seu labor nese cargo. Apenas cinco propostas presentadas no Senado e ningunha sobre a Galiza. E de paso, engadiu a líder da oposición, "que nos explique como o seu patrimonio engordou máis de 800.000 euros en tres anos".

A sesión de control foi, ás portas do arranque da campaña electoral das estatais, unha confrontación dialéctica na que Rueda chegou a acusar o Executivo estatal de ter "paradas" actuacións na Galiza para así "prexudicar" Feixoo como candidato. 

Un bálsamo

Porque, e ese foi o eixo do discurso do presidente e previsibelmente o do PP da Galiza na campaña, Feixoo, na Moncloa, sería o bálsamo de Fierabrás para os problemas que atravesa o país. "Imos ser moi reivindicativos co novo Goberno español que vai saír das urnas o 23-X", asegurou Rueda, nunha afirmación que provocou risos na bancada do BNG. Un Rueda que, após acusar o nacionalismo de "dogmático" e "excluínte", instou o BNG a non dar apoio a Pedro Sánchez se o PP gaña nos comicios estatais.

Luís Álvarez (PSdeG) responsabilizou Alfonso Rueda de provocar “unha Galiza en retroceso” á fronte dun Goberno galego “incapaz” de despregar políticas e actuacións a favor do país e que só se “preocupa” de facer “oposición” ao Executivo estatal. “Tanto votan en contra que teñen o botón vermello desgastado”, dixo Álvarez. Reprochou o portavoz socialista na Cámara galega os pactos e acordos do PP con Vox, o que non gostou ao titular da Xunta, que afirmou que tanto socialistas como nacionalistas "parece que teñen necesidade de que haxa Vox aquí" [en referencia a Galiza].

Para Rueda, a oposición non ten proxecto para a Galiza, algo que só garante o Partido Popular. "Vostedes queren unha Galiza pequena e nós unha Galiza para todos", manifestou. "As súas receitas non funcionan e os galegos pensan o mesmo", indicou, situando o PP como o partido que é quen de pular polos "retos estratéxicos" que precisa a Galiza. Eses que resume en colocar Núñez Feixoo na Moncloa.


A sociedade mixta para a eólica xa ten os 20 millóns de euros

O pasado 21 de marzo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba en Xermade (A Terra Chá) unha lei para que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais galegos se reinvestisen na Galiza.  Unha nova lei que tería como unha das medidas 'estrela' a "creación" dunha sociedade mixta público-privada para participar en proxectos eólicos e doutras enerxías renovábeis. Menos de dous meses despois,  11 de maio, o propio presidente recoñecía que cedía ao capital privado a maioría accionarial nesa sociedade mixta para impulsar as renovábeis.

Esta cuarta feira, Alfonso Rueda anunciaba durante a sesión de control que esa sociedade xa superara os 20 millóns de euros de capital privado que se marcaran como un primeiro obxectivo. "Hai moitas empresas adheridas", engadiu o presidente.