Rueda solicita apoio en Ribadavia ao "traballo, esforzo e sentidiño" do PP
O candidato do PP á Presidencia da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, fixo esta sexta feira un chamamento ao exercicio do voto o próximo 18 de febreiro "para falar con rotundidade, con decisión, con ilusión e, sobre todo, sendo conscientes de que o que se elixe ese día é o futuro da Galiza".
Un futuro que para Rueda, segundo asegurou nun mitin en Ribadavia (O Ribeiro), "pasa por seguir o modelo que caracterizou estes anos [de Presidencia da Xunta do PP] de traballo, de esforzo e de sentidiño".
"O modelo, en definitiva, da Galiza que medra, prospera e funciona", incidiu. O popular asegurou que durante esta campaña "quedará claro quen ten propostas reais e quen fai compromisos irrealizábeis, quen aspira a gañar e quen só a pactar, quen pretende gobernar e quen só busca repartir cadeiras".
Previamente, Rueda participou nun encontro con universitarios e universitarias en Compostela, no que manifestou ser consciente "do problema que supón para moitos estudantes non ter un lugar para vivir nas cidades onde están estudando".