23-X

Sánchez apela ao votante do PP "que non quere a Feixoo con Abascal"

Mitin de Pedro Sánchez en Lugo. (Foto: PSOE)
O presidente español volve cargar duramente desde Lugo contra o líder do PP.

O presidente do Goberno español e candidato á reelección polo PSOE, Pedro Sánchez, mostrouse esta quinta feira convencido de que gañará as eleccións estatais porque ve o Partido Popular "desfondado" ao final da campaña, mentres os socialistas están "na remontada".

Nun mitin ante 4.000 persoas en Lugo, unha das circunscricións nas que as enquisas albiscan unha axustada batalla que podería ser chave na carreira á Moncloa, Sánchez volveu cargar contra os pactos de PP e Vox en concellos e comunidades autónomas despois tras os comicios do 28 de maio e lamentou que no Estado "xa non existe o centro dereita".

"Temos unha dereita dura e unha ultradereita", alertou, á vez que reivindicou o PSOE como o partido que está "na centralidade" do sistema político e a "garantía de que siga habendo avances" nos próximos catro anos.

Recuperou así a mensaxe que lanzara nos primeiros días de campaña, ao pedir o apoio dos votantes do PP "que non queren que goberne con Abascal". "Non estarán de acordo coa nosa ideoloxía, pero hai algo que nos une a todos e é non retroceder nin dez anos en dereitos dos traballadores e dos pensionistas, nin vinte anos en dereitos do colectivo LGTBI, nin corenta nos dereitos das mulleres, nin sesenta na censura á cultura, como está a facer o PP con Vox, alí onde están a gobernar", manifestou.

Nesa liña, insistiu en que "España é moito mellor que o PP e que Vox, que Feixoo e que Abascal", nun chamamento ao "votante moderado" que xa fixera no debate de antonte en RTVE, ao que non acudiu o líder do PP. E Sánchez referiuse a esa ausencia como unha "absoluta falta de respecto" á cidadanía e a democracia. Ao seu xuízo, non acudiu porque non podía defender "a montaña de mentiras" que lanzou estes días, e porque lle dá "vergoña" comparecer canda Abascal.