Sánchez naufraga na súa primeira tentativa para ser presidente: 130 votos a favor e 219 en contra

Só obtivo os votos a favor de PSOE e Ciudadanos (130), obtendo 219 en contra e 1 abstención. Esta sexta feira, segunda votación de investidura.

Deuse o resultado esperado: 130 votos a favor da investidura de Pedro Sánchez, os dos deputados do PSOE e Ciudadanos. Moi lonxe dos 176 necesarios para ser eleito en primeiro votación. Deuse, por outra parte, o resultado esperado nun Congreso ao que esta cuarta feira todos os partidos acudiron coa intención de voto anunciada de antemán. Sánchez ficou só, con Ciudadanos. Ten agora 48 horas para intentar recabar apoios á súa candidatura. A segunda votación terá lugar esta sexta feira e nela abóndalle ter unha maioría simple, máis votos a favor que en contra. Mais non semella que o socialista recabe moitos máis apoios que os atinxidos esta cuarta feira. PP e Podemos xa anunciaron que manterán o 'non' para a cita da sexta feira, o mesmo que a maioría dos nacionalistas e organizacións minoritarias.

Se esta sexta feira, 5 de marzo, nesa segunda votación, Sánchez non sae investido, Felipe VI podería propor outros candidatos. Se nun prazo de dous meses desde a primeira votación (a do 2 de marzo) non se atinxiu elixir un presidente, disolveranse as cortes e nun máximo de 54 días terán que se realizar as eleccións xerais.

Apoios?

Nin PP nin Podemos, os grupos cuxa abstención permitiría a elección de Sánchez na segunda votación, expresaron esta cuarta feira nas súas intervencións no pleno a mínima disposición a dar ese paso. Mariano Rajoy reprochou a Sánchez non optar pola 'Gran Coligazón', mentres que Pablo Iglesias amosou a distancia da súa formación cun PSOE que aposta por pactar con Ciudadanos.